HomeVigoMosMos acolle o Campionato Galego de Natación de Verán Máster os días...

Mos acolle o Campionato Galego de Natación de Verán Máster os días 14 e 15 de xuño na Piscina das Pozas

- Anuncio -spot_img


A Piscina Municipal de Mos será escenario esta fin de semana do Campionato Galego de Natación de Verán Máster, un evento organizado polo Club Natación Mos e a Federación Galega, que reunirá a arredor de 400 deportistas de toda Galicia, pertencentes a máis de 30 clubs.

O evento desenvolverase durante dúas intensas xornadas, sábado 14 e domingo 15 de xuño, en sesións de mañá e tarde, e está enmarcado nas actividades da tradicional Festa da Rosa, convertendo Mos nun auténtico epicentro deportivo.

Na presentación oficial do campionato participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Deportes, Feli Rodríguez, directivo da Federación Galega de Natación, Andrés Carrera, e o presidente do CN Mos, Adrián Trillo.

O directivo Andrés Carrera, director técnico da Federación Galega de Natación, destacou o papel protagonista de Mos no calendario competitivo.  “Mos, na actualidade, é unha das piscinas que máis eventos organiza, estando todos os anos entre as 3 sedes con maior volume de competición”.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, puxo en valor o compromiso de Mos coa actividade física e coa organización de eventos que dinamizan o municipio: “É unha satisfacción ver como Mos se consolida como sede habitual deste tipo de campionatos. A nosa Piscina das Pozas é un referente, e seguiremos traballando para poñer en valor o deporte como motor de saúde, encontro e promoción local”.

Pola súa parte, Adrián Trillo subliñou a importancia desta cita e a implicación do Concello de Mos no evento: “É un orgullo para nós traer este evento a Mos, aproveitando o marco da Festa da Rosa, onde Mos vai ser epicentro deportivo. Grazas ao Concello de Mos e a todo o persoal de deportes por esta aposta deportiva”. Cabe destacar que o Club Natación Mos acude a esta cita deportiva cun total de 21 nadadores.

Publicacións Relacionadas