Domínguez asegura que é “inadmisible” que o alcalde poña en dúbidas a celebración do Entroido en Pontevedra

adminON
Lectura mínima de 2

• O PP esixe a Lores que explique publicamente cal é o procedemento administrativo que adoptará para garantir todos os eventos tradicionais do Entroido

• A falta de diñeiro para a calefacción dos colexios é outro síntoma da “mala xestión do BNG” e da “irresponsabilidade do PSOE”, como socio preferente

O presidente e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, mostrou o seu “estupor” ao afirmar que é “inadmisible” que o alcalde, #Miguel Anxo Fernández Lores, semente dúbidas co Entroido 2024 e non poida garantir unha das celebracións máis representativas do calendario festivo da cidade.

O líder da oposición esixiu ao rexedor nacionalista que explique publicamente as razóns polas que manifestou, recentemente, que o Entroido pontevedrés está en perigo e cal é o procedemento administrativo que vai adoptar, como máximo responsable do Concello de Pontevedra, para protexer unha festa na que se envorcan centos de pontevedreses, durante os 365 días do ano.

“Se non é capaz de garantir a celebración dos eventos tradicionais do Entroido de Pontevedra, cando só quedan tres semanas para que dea comezo, o que debe facer Lores é dar un paso á beira e irse á súa casa”, recriminou Domínguez.

A falta de diñeiro para a calefacción dos centros escolares é outra proba manifesta de que o Concello está nunha “parálise absoluta”, por culpa da “mala xestión do BNG” e da “irresponsabilidade do PSOE”, engadiu.

En definitiva, para o gañador das eleccións, o alcalde e os seus oito edís do Goberno municipal seguen mostrando claros síntomas de que “están nunha situación de extrema debilidade e, o que é máis grave, que o Concello de Pontevedra está paralizado para necesidades absolutamente imprescindibles”.

Comparte este artigo