• O líder da oposición traslada a súa “preocupación” polo aumento da criminalidade e esixe “medidas eficientes para mellorar a seguridade veciñal”
• Domínguez: “A limpeza, a iluminación pública e o mantemento brillan pola súa ausencia. Son servizos básicos que contribúen a trasladar unha imaxe amable da cidade”
O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, e a concelleira responsable da área popular de Servizos Sociais, Silvia Junco, atenderon a petición dos veciños e comerciantes da contorna da Praza de Galicia e reuníronse cos afectados polos problemas de inseguridade cidadá que trasladan da zona unha imaxe “cada vez máis sucia e decadente”.
Os populares escoitaron as queixas de varias familias do barrio que padeceron máis dun incidente coas persoas sen fogar que se atopan baixo os efectos do alcol e as drogas. Os representantes da oposición mostráronlles a súa solidariedade polos insultos que reciben ou os últimos episodios de agresións e actos delituosos no barrio de Campolongo.
O líder do PP fíxolles entrega das firmas que os edís populares han solicitado durante a Semana Santa para apoiar o movemento veciñal iniciado na Praza da Ferrería, con máis de 750 firmas entregadas xa no Concello de Pontevedra, e que continuou nas Galerías Oliva e na citada Praza de Galicia.
“Consideramos insuficiente escoitar ao alcalde dicir que son delitos menores e que haberá máis coordinación entre a Policía Local e a Policía Nacional, como único punto de acordo alcanzado tras a Xunta Local de Seguridade entre o Concello de Pontevedra e a Subdelegación do Goberno. Esiximos medidas eficientes para mellorar a seguridade veciñal antes de que se produza un desgusto”, insistiu.
Así mesmo, Domínguez trasladou a súa “preocupación polo aumento das infraccións penais”, cunha media de oito delitos diarios durante o 2023, que sitúan a Pontevedra como a segunda cidade galega onde máis aumenta a criminalidade cun 7,6 por cento.
“A limpeza, a iluminación pública e o mantemento brillan pola súa ausencia. Son servizos básicos que contribúen a mellorar a imaxe da cidade como punto de partida para reverter esta preocupante estatística”, concluíu o presidente dos populares.

