• O líder do PP esixe a Lores que “deixe de botar balóns fose” mentres se agrava o problema da vivenda en maior medida que outras urbes, co encarecemento interanual do 20% na cidade
• “Necesitamos un Concello máis áxil, máis moderno e á altura dun dos problemas que máis afecta os pontevedreses, especialmente aos nosos mozos, con grandes dificultades para independizarse na nosa cidade”, afirma
O portavoz municipal e presidente local do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, denunciou a “hipocrisía absoluta do BNG” ante a subida do prezo da vivenda, que se incrementou ao redor dun 20 por cento no último ano.
Domínguez lamentou que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, respondéselle este mércores que “non ten competencias nin capacidade de actuación para frear este encarecemento dos prezos”, ao mesmo tempo que a súa formación política en Vigo reclama ao seu homólogo na cidade olívica, Abel Caballero, que mobilice dous millóns de euros dos remanentes do Concello para reforzar as políticas públicas de vivenda.
“O primeiro que debería facer o BNG é aclararse e deixar de lanzar mensaxes contraditorias desde as dúas principais cidades da provincia. E o segundo que debería facer Lores é deixar de botar balóns fóra, poñerse a traballar e deixar de estar paralizado, porque non está a facer absolutamente nada por mellorar o problema da vivenda, cun encarecemento superior ao doutras urbes como Vigo, A Coruña, Barcelona ou Madrid”.
Neste sentido, o líder do PP insiste na necesidade de impulsar reformas estruturais que permitan mellorar o acceso á vivenda na cidade: a actualización do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de 1989, o reforzo da área municipal de Urbanismo, a axilización na concesión de licenzas e unha maior transparencia na xestión administrativa do Concello de Pontevedra.
“Necesitamos un Concello máis áxil, máis moderno e á altura dun dos problemas que máis preocupa á sociedade pontevedresa, especialmente aos nosos mozos, con grandes dificultades para independizarse na nosa cidade”, concluíu.

