Domínguez denuncia a inseguridade en Pontevedra e propón reforzar con urxencia a presenza policial

adminON
Lectura mínima de 4

• O portavoz do PP propón un plan integral de seguridade con máis presenza policial e mellor iluminación en puntos crave: “É urxente recuperar a tranquilidade en Pontevedra”

• “A falta de medidas está a deixar aos veciños desprotexidos; necesitamos actuar xa para que a nosa cidade volva ser un referente de convivencia e calidade de vida”, denuncia Domínguez.

O portavoz do Partido Popular en Pontevedra, Rafa Domínguez, mostrou a súa preocupación ante os recentes episodios de inseguridade en pleno centro da cidade. Casos como o ocorrido na estación de autobuses, en Campolongo, onde un indixente ameazou cunha navalla a unha muller que esperaba o bus a Marín, son exemplo dunha situación “que esixe medidas urxentes”.

Domínguez sinalou que “a inseguridade en Pontevedra xa non é unha sensación, senón unha realidade”. Destacou que estes feitos non son illados, senón parte dun problema estrutural que o goberno local non está a abordar adecuadamente “e parece estar a ignorar”. “Non podemos permitir que, nunha cidade como Pontevedra, os veciños teñan medo de camiñar polas súas rúas”, afirmou.

Propostas concretas para recuperar a seguridade
Para combater esta situación, Domínguez propuxo un plan integral de seguridade que contemple diversas medidas destinadas a devolver a tranquilidade á cidadanía:

  1. Reforzo inmediato da presenza policial: “Necesitamos un incremento no número de axentes patrullando as rúas, especialmente nos puntos máis conflitivos, como Campolongo, a Praza da Ferrería, ou A Alameda. A proximidade policial é clave para garantir unha resposta rápida #ante posibles incidentes e para disuadir condutas delituosas”.
  2. Mellora da iluminación urbana: “É imprescindible modernizar e reforzar a iluminación nas rúas e prazas, xa que unha cidade ben iluminada xera maior sensación de seguridade e reduce significativamente as oportunidades para actos delituosos”.
  3. Unidades de intervención especializadas: Domínguez propuxo a creación de patrullas especializadas para abordar problemas como a convivencia en zonas sensibles, reforzando a coordinación entre os corpos de seguridade e os servizos sociais.
  4. Programas de mediación e rehabilitación: “Ademais das medidas policiais, debemos implementar programas de integración social que axuden ás persoas en situación de exclusión “.

“Debemos ser ambiciosos e tomar decisións valentes para que Pontevedra recupere o seu carácter de cidade segura e acolledora. Estas medidas están orientadas non só a resolver os problemas actuais, senón tamén a garantir unha convivencia a longo prazo”, engadiu.

Domínguez lembrou outros incidentes recentes, como as ameazas e agresións denunciadas na Praza da Ferrería, ou os problemas de inseguridade reportados por veciños de Augusto García Sánchez e na contorna do ximnasio Be One, quen vive “con medo a represalias”. Ademais, o incremento do 16,4% na taxa de criminalidade durante o primeiro trimestre de 2024 confirma que Pontevedra enfronta unha situación que non pode ser ignorada.

Para concluír, o líder popular ha reiterado o seu compromiso: “Pontevedra merece ser un lugar onde todos sentan seguros. O Goberno local debe actuar xa e asumir a súa responsabilidade. Non hai tempo que perder”.

Comparte este artigo