• O líder do PP, sobre o novo gasto superfluo: “O capricho de Lores de querer pechar de forma unilateral a avenida ao tráfico e buscar unha nova utilidade cun skatepark facilmente substituíble, xéralle un gasto económico innecesario ao Concello de Pontevedra que, na miña opinión, deberíase destinar a outras necesidades máis perentorias”
• Os populares de Pontevedra manteñen intacto o seu compromiso de reabrir Raíña Victoria en 2027, cando o PP consiga a maioría absoluta que será necesaria para desbancar a Lores da alcaldía despois de 26 anos
O presidente local e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, denunciou que o Goberno local do BNG gaste outros 12.208,90 euros na retirada temporal do skatepark de Raíña Victoria para a montaxe das atraccións das festas da Peregrina.
O líder do PP de Pontevedra criticou a nefasta xestión do Concello de Pontevedra BNG, liderado por #Miguel Anxo Fernández Lores, que nos últimos meses gastou xa 24.417,80€ no skatepark, sumando o desmonte do 31 de decembro para o inicio da carreira popular XLI San Silvestre e, agora, para as festas do verán.
Domínguez considera que “o capricho de Lores de querer pechar de forma unilateral a avenida ao tráfico e buscar unha nova utilidade cun skatepark facilmente substituíble fronte ao IES Sánchez Cantón, que debería instalarse nunha localización máis apropiada, xéralle un gasto económico innecesario ao Concello de Pontevedra que, na miña opinión, deberíase destinar a outras necesidades máis perentorias”.
Desde a súa instalación en setembro de 2022, o Goberno nacionalista ha botado man en varias ocasións das arcas municipais para desmontar e volver montar as pezas de granito, que instalaron co obxectivo de tentar frear a polémica suscitada por mor do peche da avenida coa escusa da pandemia do coronavirus.
O portavoz dos populares da cidade, gañador das últimas eleccións municipais, sempre se mostrou partidario de reabrir Raíña Victoria. Pero a pinza entre o BNG e o PSOE mantén o vial pechado á circulación desde o 25 de setembro de 2020.
Domínguez asegurou que, en 2027, cando o PP consiga a ansiada maioría absoluta que será necesaria para desbancar a Lores da alcaldía despois de 26 anos co bastón de mando, Raíña Victoria recuperará o sentido común que demandan a gran maioría dos pontevedreses.
Mentres tanto, os seus esforzos céntranse en tentar atopar un emprazamento idóneo para o traslado do skatepark e convencer ao Goberno de Lores de que gastarse 12.208,90€ para o seu desmonte, é “tirar o diñeiro de todos os pontevedreses”.