A obras de ampliación e mellora do Parque Multiocio da Pesqueira, un proxecto co que se pretende crear un gran espazo de lecer familiar e deportivo ao aire libre no centro do municipio, xa se atopan en fase de licitación.
O orzamento total de licitación ascende á cantidade de 507.575,75 euros (IVE incluído), e contempla a actuación sobre unha superficie total de máis de 8.000 metros cadrados, dos cales 5.037 m² correspóndense coa nova zona de ampliación.
A actuación permitirá transformar o actual parque —que xa conta cunha pequena senda fluvial, zona infantil, área de auga e equipamento biosaudable— nun espazo multiuso moderno, accesible e pensado para todas as idades.
O proxecto inclúe a creación de cinco áreas diferenciadas:
Zona Skate, duns 1.000 m², con instalacións específicas para a práctica deste deporte.
Zona Infantil, con novos xogos e estruturas lúdicas nunha superficie de arredor de 1.600 m².
Zona de Auga, con tobogáns de ladeira e instalacións acuáticas aproveitando a pendente natural do terreo.
Zona de Descanso, con mesas, bancos e mobiliario urbano distribuído por todo o recinto.
Zona de Rocódromo, con instalacións para escalada deportiva.
As obras contemplan tamén a limpeza e nivelación do terreo, a mellora dos accesos, a instalación de iluminación LED, a canalización de augas pluviais, o axardinamento e a plantación de céspede.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “esta actuación responde ao compromiso do Goberno local de seguir mellorando os espazos públicos, ofrecendo máis zonas de convivencia segura, deporte e ocio saudable para todas as idades”.
Con este proxecto, Mos continúa ampliando e modernizando a súa rede de espazos públicos, avanzando cara a un modelo de municipio sostible, dinámico e centrado no benestar da súa veciñanza.



