• O líder do PP critica o “respaldo” do Bloque e a “morneza” do goberno de Sánchez coa ditadura venezolana, en contra de todos os informes de organizacións internacionais que acusan o réxime de falta de transparencia e manipulación electoral
• O partido máis votado en Pontevedra defenderá, no pleno de setembro, os dereitos da gran comunidade venezolana que reside na Boa Vila e que merece ser arroupada polos seus dirixentes locais
O presidente e portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, rexistrou unha moción este luns para que a corporación local inste o goberno de España a recoñecer a Edmundo González como presidente electo de Venezuela e apoie unha denuncia contra Nicolás Maduro na Corte Penal Internacional, como fixeron os expresidentes Felipe González, José María Aznar e Mariano Rajoy.
“Desde a falta de transparencia nos comicios presidenciais, ata a posterior intensificación da represión violenta contra a disidencia, incluída a sistemática violación dos dereitos humanos, o réxime de Maduro está a se aferrar ao poder á conta da vontade do pobo venezolano”, manifestou o líder do PP local nun escrito no que condena a profunda crise política, económica e social que se viu agravada nas últimas semanas pola falta de transparencia electoral.
Domínguez criticou o “respaldo” do BNG e a “morneza” do goberno de Pedro Sánchez coa ditadura de Maduro, que afirmaron a súa confianza no sistema electoral venezonalo, contradicindo todos os informes de organizacións internacionais – o Centro Carter e o Panel de Expertos Electorais da ONU – que acusan o réxime de falta de transparencia e manipulación electoral.
España e Galicia foron e son territorios de acollida para “millóns de venezolanos que tiveron que abandonar o seu país en busca de protección internacional, convertendo a Venezuela na segunda nación con máis desprazados forzosos do mundo, despois de Siria”, lembrou antes de declarar que “Edmundo González viuse obrigado a fuxir porque a súa vida estaba en risco #ante unha ditadura que ten a intención de seguir oprimindo a un pobo irmán”.
O líder do partido máis votado en Pontevedra decidiu levar este asunto ao pleno da corporación municipal para defender os dereitos da gran comunidade venezolana que reside en Pontevedra e que merece ser arroupada polos seus dirixentes locais.
Por todo iso, o PP lanza unha proposta de acordo que pide condenar a sistemática política de criminalización, por parte do réxime de Maduro, en contra dos cidadáns venezolanos que decidiron exercer os seus dereitos civís e políticos no marco da Constitución venezolana.
Así mesmo, esixir ao réxime o cesamento inmediato da represión a líderes de partidos opositores, activistas de dereitos humanos, sindicalistas, xornalistas, testemuñas electorais e demais cidadáns en exercicio dos seus dereitos civís e políticos.
Recoñecer a situación de emerxencia humanitaria que vive Venezuela e a condición de vítimas de persecución política dos exiliados venezolanos en España. Nese sentido, o goberno español debe liderar, diante da Unión Europea, o recoñecemento do presidente electo lexítimo, Edmundo González, para que se produza unha transición pacífica cara a unha democracia plena.

