Domínguez espera que o Centro Maruxa Mallo dótese de contido e actividade e non quede baleiro como o CITA e o Mercado

Redacción

• Os populares consideran positiva a posta en marcha dun novo espazo vinculado á cultura á creatividade, pero advirten de que “o importante agora é conseguir que este edificio teña vida”
• Rafa Domínguez: “Pontevedra non necesita edificios para inaugurar e despois ter pechados ou sen actividade; necesita espazos vivos, con programación e contido”

O Partido Popular de Pontevedra valorou positivamente a inauguración do Centro Internacional de Creatividade Maruxa Mallo, ao considerar que a apertura dun novo espazo dedicado á cultura e á creación supón unha boa noticia para unha cidade estreitamente vinculada ao ámbito artístico e creativo.

O portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, destacou que Pontevedra reúne unhas condicións especialmente favorables para que un proxecto destas características funcione. “Temos Belas Artes, numerosas facultades que poden estar vinculadas coa creatividade, recuperamos a Bienal e contamos co Museo de Pontevedra. Por tanto, todo o que supoña reforzar a cultura e a creatividade na cidade é positivo”, sinalou.

Con todo, Domínguez advertiu de que a inauguración do edificio debe ser unicamente o punto de partida e incidiu na necesidade de que o Concello sexa capaz agora de dotalo dunha programación e unha actividade estables.

“A miña preocupación é que volva suceder o que tantas veces ocorre co goberno de Lores: que se fan grandes investimentos en edificios que despois quedan baleiros, pechados ou sen actividade”, explicou o portavoz popular.

Domínguez lembrou que esta situación xa se produciu noutros equipamentos da cidade, como o CITA ou a planta superior do Mercado de Abastos, espazos nos que se realizaron importantes investimentos pero que non conseguiron manter unha actividade e un contido continuados. “Non queremos que co Centro Maruxa Mallo volva suceder o mesmo: inaugurar un edificio é unha boa noticia, pero o realmente importante é conseguir que permaneza vivo e teña actividade ao longo do tempo”, sinalou.

Neste sentido, o portavoz popular incidiu en que se trata de investimentos realizados con diñeiro público e que, por tanto, a responsabilidade do Concello non termina coa apertura das instalacións. “Estamos a falar de importantes investimentos realizados co diñeiro dos pontevedreses. Non basta con construír e inaugurar; despois hai que xestionar eses espazos e conseguir que sexan útiles para a cidade”, apuntou.

Para os populares, o principal reto comeza precisamente agora: conseguir que un edificio destas dimensións conte cunha actividade acorde co investimento realizado e poida converterse nun verdadeiro punto de referencia para a creación e a cultura en Pontevedra.

“O gran reto que ten agora o Concello de Pontevedra é darlle contido a un edificio moi grande. Inaugurar está moi ben, pero o importante é conseguir que funcione, que teña programación, actividade e que sexa útil para a cidade”, afirmou Domínguez.

O portavoz municipal insistiu en que o PP espera que o novo centro consiga consolidarse e desenvolver todo o potencial co que nace. “Queremos que funcione e que sexa un éxito. Pontevedra non necesita edificios que se inauguren para despois permanecer pechados ou sen actividade, senón espazos vivos, con programación e contido”, concluíu.

Comparte este artigo