Domínguez reclama a Pedro Sánchez explicacións polos proxectos paralizados en Pontevedra tras a súa visita ao Grove

Redacción

• O líder do PP lamenta a oportunidade perdida para desbloquear obras estratéxicas como as do nó de Bombeiros, o paseo a Marín e a antiga sede de Facenda

• “Non me podo quedar calado vendo a Pedro Sánchez tomando polbo no Grove, mentres o Goberno mantén parados todos os proxectos na cidade. E o alcalde? Por que non pon o berro no ceo?”

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, aproveitou a visita do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, á provincia para esixir explicacións sobre as actuacións estatais pendentes na cidade: “Non me podo quedar calado vendo a Pedro Sánchez tomando polbo no Grove, mentres o Executivo central mantén absolutamente parados todos os proxectos da capital”, afirmou.

Domínguez lamentou que as obras do nó de Bombeiros leven case dous anos paralizadas, o paseo entre Pontevedra e Marín permaneza sen continuidade dende 2021 e que a antigua sede de Facenda continúe sen proxecto de rehabilitación, despois de que o Goberno de España e o Concello de Pontevedra rexeitasen a proposta do PP de Pontevedra para a creación da primeira biblioteca pública municipal da cidade.

Sobre o nó de Bombeiros, o portavoz dos populares recordou que “comezaron as obras no verán de 2024 e antes de rematar o ano, xa estaban paralizadas”. Por iso, reclamou ao Executivo central que concrete cando se retomarán os traballos e cal é a solución definitiva para unha actuación que acumula máis de 20 meses de paralización.

“O paseo de Marín leva paralizado desde 2021 e seguimos sen saber se o van rematar ou non. Un proxecto histórico, de enorme utilidade para os veciños dos dous municipios, que continúa nun limbo”, asegurou.

Por último, Domínguez reclamou información sobre a antiga sede de Facenda. “Propuxemos que se convertese nunha Biblioteca Municipal e dixéronnos que non, que ían trasladar alí o Arquivo Provincial. Nin está, nin se lle espera”, sinalou o portavoz popular, que considera necesario coñecer o calendario concreto para a rehabilitación e posta en servizo do inmoble de San Francisco.

O líder do PP lamentou que a visita de Sánchez á provincia non servise para desbloquear ningún destes asuntos. “Eu non me vou quedar calado. E o alcalde? Por que non pon o berro no ceo ante a oportunidade perdida de Pedro Sánchez para desbloquear contas pendentes con Pontevedra?”, preguntou Domínguez.

Nese sentido, cuestionou tamén o papel do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, ante as decisións do Goberno central. “Pontevedra está abandonada da man de Pedro Sánchez. Pontevedra necesita a alguén que reclame, que esixa e que defenda os intereses da cidade”, afirmou.

Domínguez considera especialmente significativa, neste contexto, a falta de presión política sobre o Goberno central e concluíu: “Porque todos sabemos que PSOE e BNG necesitan o un do outro, en Pontevedra e en Madrid, para intentar sobrevivir con novos pactos de perdedores”.

Comparte este artigo