Domínguez urxe a reparación do céspede do campo de fútbol Chan do Monte de Cerponzóns pola seguridade dos xogadores

Redacción

● As deficiencias que presenta o tapete impiden que se poida practicar o balompé con normalidade e pon en risco aos deportistas

● Parte dos vestiarios tamén están precintados por risco de caída de elementos e polo grave deterioro

O presidente local do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado do concelleiro Martín Martínez, visitou o campo de fútbol Chan do Monte de Cerponzóns e quedou abraiado do mal estado no que se atopa o tapete de herba artificial que ten pouco máis de oito anos e que se encontra nun estado “deplorable”. Sucede o mesmo no resto de instalacións do complexo deportivo de Cerponzóns, no que unha parte do vestiarios están xa precintados e non se permite o acceso polo risco que pode supoñer para os xogadores.

Domínguez acudiu a Cerponzóns pola chamada das familias dos xogadores e dos responsables do campo de fútbol que consideran que non se pode nin entrenar nin xogar partidos neste campo e que recentemente houbo varias lesións de xogadores que poñen de manifesto que o campo non se encontra en condicións para a práctica do deporte. “Hai colectores cheos de céspede artificial que se apaña polo campo coas mans” e a manta baixo o tapete de herba sintética está “completamente desfeita” en moitas zonas do terreo de xogo.

“Caeume a alma ao chan. O campo está nun estado tan lamentable que pon en risco a seguridade dos mozos e dos nenos que xoguen alí. É inadmisible que Lores permitise que o Campo de Fútbol Chan do Monte chegase a este estado e que teñan que facer deporte nestas condicións que impiden xogar. Esiximos a inmediata reparación deste campo de fútbol e que se vixilen todas as instalacións municipais”, esixe o presidente do PP de Pontevedra.

Domínguez considera “unha vergonza” que os equipos que entrenan no campo de fútbol Chan do Monte de Cerponzóns teñan que practicar o seu deporte en condicións deplorables porque, unha vez máis, o Concello de Pontevedra “e o Goberno de Lores están a deixar de lado as parroquias de Pontevedra e non realizan ningún tipo de mantemento sobre as infraestruturas que teñen no rural”.

Nun terreo de xogo que apenas ten oito anos “non se poden permitir estas deficiencias. Teñen que actuar de inmediato para mellorar a instalación”, comenta o presidente local do Partido Popular de Pontevedra sobre un terro de xogo que foi inaugurado en xuño de 2018 cun orzamento de 865.000 euros e que Lores calificou no seu momento como unha obra espectacular, coa máxima calidade e con herba sintética de última xeración. E que se atopa agora, apenas oito anos despois, nun estado de degradación inadmisible.

Nesta obra tamén se renovaron as edificacións anexas que se atopan tamén nun estado lamentable. Domínguez comprobou como nos vestiarios faltan boa parte dos azulexos e os que seguen colocados nos paramentos verticais están seriamente deteriorados, sendo prácticamente posible retiralos coas mans e sen facer o máis mínimo esforzo.

O mesmo acontece co valado perimetral do terreo de xogo, que ten partes rotas e retorcidas, e coas porterías, que teñen as redes furadas. “Todo se debe á falta de mantemento do Goberno de Lores, que ten abandonadas as instalacións. Como se non lle importasen as condicións nas que teñen que xogas as nenas e nenos de Cerponzóns nin do resto de clubs que veñen aquí a desputar os partidos”.

As familias tamén trasladaron ao portavoz do PP de Pontevedra que se necesita unha solución para o peche do recinto, que presenta uns malos remates e poden provocar danos por cortes e a necesidade de cubrir a metade da grada que aínda non dispón de teito.

Comparte este artigo