A Asociación Cultural Gaiteiro Manuel Villanueva recupera unha das celebracións máis emblemáticas da parroquia os días 19 e 20 de abril de 2025, converténdose na única proposta lúdica de todo o municipio durante estas datas.
Música tradicional, verbena e actuacións teatrais inundará de alegría a Praza da Capela de San Martiño, con animadas sesións vermú, pulpeira do Carballiño e o mellor ambiente para gozar da Semana Santa dun xeito diferente.
• Todas as actividades son gratuítas e de entrada libre, para que toda a familia poida gozar sen preocupacións.
• O evento conta con carpa cuberta e aparcadoiro gratuíto no parking do instituto de Poio, a poucos minutos a pé do entorno da Praza da Capela.
Se buscas onde pasalo ben este fin de semana de Semana Santa no concello de Poio, San Martiño ten o mellor plan. A Praza da Capela transformarase no corazón da festa en Poio durante os días 19 e 20 de abril, acollendo a tradicional Festa dos Dolores, que volve con máis forza ca nunca tras ser recuperada o ano pasado pola Asociación Cultural Gaiteiro Manuel Villanueva.
A Festa dos Dolores volve a San Martiño de Poio cunha programación pensada para a diversión de toda a familia. Os membros da comisión de festas teñen todo preparado para festexar á Virxe das Dores este fin de semana, e ultiman os últimos preparativo para poder dar o pistoletazo de saída o sábado ás 10:00 horas con divertidos xogos tradicionais. Na pasada edición, a Praza da Capela acolleu numerosas persoas que gozaron dunha programación variada e para todos os públicos, e este ano a expectación é aínda maior.
Esta celebración, con décadas de historia ás súas costas, constitúe un referente cultural da parroquia e convértese na única alternativa de ocio, cultura e diversión en todo o municipio durante estas datas tan sinaladas.
A Praza de San Martiño dará a benvida á veciñanza do lugar e a todos aqueles que queiran vir coñecer as nosas tradicións populares. Baixo unha ampla carpa que garantirá a festa chova ou brille o sol, San Martiño prepárase para ser o lugar de referencia para todos os que busquen diversión, cun programa de propostas totalmente gratuítas para todos os gustos e idades.
O sábado 19 de abril, a xornada comezará ás 10:00 horas cos xogos tradicionais, seguidos ás 11:00 polo pasarrúas co Grupo de Música Tradicional Vides Novas. Ás 12:00 terá lugar unha animada sesión vermú con Vides Novas e DJ Due, que estará acompañada pola pulpeira do Carballiño. Para a tarde, ás 18:00 horas, está programado o espectáculo “Peor Imposible” de Peter Punk, unha explosión de humor e circo que fará gozar tanto aos pequenos como aos maiores. A xornada culminará cunha gran verbena ás 21:30 horas coa Orquestra Magos e DJ Due.
O domingo 20 de abril, a programación continuará ás 11:00 horas co pasarrúas coa Escola de Música Tradicional de Poio e Charanga 112, seguido dunha nova sesión vermú ás 12:00 horas con Charanga 112 e DJ Due, novamente coa pulpeira do Carballiño. Ás 13:00 horas terá lugar a Misa de Pascua cantada pola Coral Virxe de Fátima na Capela de San Martiño. Para rematar as celebracións, ás 19:30 horas ofrecerán un concerto Os Coribantes, traendo o mellor da música folk, e o fin de festa chegará ás 21:00 horas coa música de DJ Due e invitación de rosca a todos os presentes.
“Recuperar a Festa dos Dolores non é só manter vivas as nosas tradicións, é crear un punto de encontro onde todos podamos divertirnos e celebrar xuntos”, destaca José Ángel Lodeiro, presidente da asociación. “San Martiño será este fin de semana o lugar de referencia onde estar en Poio. Invitamos a todos a vir e descubrir por que estas festas son tan especiais”
Esta celebración faise realidade grazas ao apoio do Concello de Poio, da Deputación de Pontevedra e das xenerosas achegas económicas dos veciños e veciñas recadadas pola comisión de festas, sen cuxo esforzo este punto de encontro para a diversión non sería posible.
Para máis información ou entrevistas, contactar con:
José Ángel Lodeiro (Presidente)
Teléfono: 637 260 256
Sobre a Asociación Cultural Gaiteiro Manuel Villanueva
A asociación traballa activamente na recuperación e posta en valor das tradicións culturais de San Xoán de Poio, con especial atención ás celebracións festivas e ao patrimonio musical da zona. Tras lograr recuperar con éxito a Festa dos Dolores en 2024, a organización segue comprometida con manter vivo o legado cultural do municipio.

