O ano 2025 marca un momento especial para COGAMI, que celebra 35 anos de compromiso coa inclusión das persoas con discapacidade en Galicia. Baixo o lema “COGAMI, 35 anos avanzando contigo”, a entidade lanza a campaña “Eu Decido”, un proxecto que busca visibilizar as necesidades, demandas e experiencias do grupo social da discapacidade.
A campaña estrutúrase en vídeos mensuais que serán difundidos a través das canles e redes sociais da Organización, como finalidade de facer visibles demandas nos diferentes eidos que conforman os proxectos de vida de calquera persoa como: “crecer cos meus amigos”, “vivir na miña casa”, “ser autónomo”, “formarme para atopar un emprego” ou “loitar polos nosos dereitos”. Entre as e os protagonistas estarán Damián, Emelie, Duarte, Fátima, Elena, Moncho, José Luis, Alex, Carmen, José, Lea, Eladio, Gabri, Dani, David, Isidoro ou Bibiana, que contan como o apoio de COGAMI marcou un antes e un despois nas súas vidas.
COGAMI, con presenza en toda Galicia, leva 35 anos prestando servizos especializados destinados a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias e fomentar a súa participación social en igualdade. “Eu Decido” é unha oportunidade para lembrar que todas as persoas teñen dereito a ser protagonistas da súa vida e que, con apoio e inclusión, é posible superar barreiras e acadar metas.
Con esta iniciativa, COGAMI invita á sociedade a reflexionar sobre a importancia de garantir a autonomía persoal e a igualdade de oportunidades, reafirmando o seu compromiso coa construción dunha sociedade máis inclusiva e xusta.