Construíndo xuntas o camiño cara o futuro. O compromiso do BNG na Asamblea Aberta
A Asemblea Aberta do BNG Marín, celebrada na Casa da Veiguiña o pasado 25 de xaneiro, converteuse nun evento cheo de enerxía, evidenciando o apoio da comunidade ás propostas de cambio e renovación para Galiza nas vindeiras eleccións galegas o 18 de febreiro. O local quedou pequeno para acoller a participación dos veciños e veciñas.
A portavoz municipal nacionalista, Lucía Santos, destacou a transcendencia deste momento decisivo, subliñando que as eleccións representan unha oportunidade única para impulsar un cambio necesario en Galiza. Santos resaltou o crecemento sostido do BNG nas enquisas e a consolidación da opción liderada por Ana Pontón, fronte a un Partido Popular en caída libre. “Estamos nun momento decisivo porque estas son as eleccións máis abertas dos últimos catorce anos, porque hai unha corrente de cambio imparable arredor do BNG, e porque podemos facer historia para que Galiza teña por primeira vez unha muller presidenta da Xunta sen ataduras para defender os intereses deste País”, afirmou Santos.
A líder nacionalista fixo un chamamento claro á veciñanza para participar activamente nestas eleccións, destacando a necesidade de colaboración e implicación para construír unha Galiza máis xusta e comprometida co seu pobo. Santos subliñou que é o momento de apostar por un novo proxecto de País e facer historia. “Estamos diante da decisión de continuar co goberno actual, que nos está deixando atrás, ou de optar polo BNG para defender os intereses das galegas e dos galegos”, manifestou.
Durante a Asemblea, Santos compartiu os grandes compromisos do BNG para os vindeiros anos á fronte do goberno galego, enfocándose en reforzar os servizos públicos, impulsar a economía, loitar contra o cambio climático, avanzar no autogoberno político e financeiro, e promover unha sociedade xusta e feminista.
O ambiente durante a Asemblea foi de enerxía positiva e colaboración, onde se evidenciou o compromiso da comunidade con estas eleccións e coa construción dun futuro mellor. O BNG de Marín agradece enormemente a todas as persoas que se achegaron ao local na Veiguiña para escoitar e contribuír á construción dunha Galiza comprometida co seu pobo.
O BNG de Marín continúa traballando coa convicción de que cada voto e cada voz son esenciais na construción dunha Galiza viva, xusta, forte e con futuro. O teu apoio é esencial para seguir traballando xuntas e construír un futuro prometedor para Galiza.

