Éxito nos primeiros días de catas comentadas da 66 edición da Festa do Viño do Condado do Tea

adminON
Lectura mínima de 2

O pasado luns 25 de agosto daba comezo a LXVI Festa do Viño do Condado do Tea coas xa recoñecidas e aclamadas catas comentadas. Un espazo onde as adegas expoñen os seus viños pero tamén onde buscan que o público coñeza mellor as características da nosa zona, os procesos de elaboración, a súa historia e moito máis.

As catas comentadas que continúan toda a semana ata o vindeiro venres 29 de agosto chegan este ano a datos récord. Por unha parte o número de adegas presentes aumenta e por outro despois de analizar as dúas primeiras xornadas o balance de asistentes é moi positivo, con cheo en cada unha das sesións.

A LXVI edición desta festa Declarada de Interese Turístico de Galicia completase co Túnel do Viño que se celebra o venres 29 e sábado 30 en horario de mañá (11:00 a 14:00 h) e tarde (18:00 a 21:00 h) onde o público poderá degustar no interior do Museo da Ciencia do Viño tódolos viños da subzona do Condado do Tea cun prezo de só 15 euros.

As inscricións tanto para as catas como para o túnel seguen abertas e quedan poucas prazas. Os interesados en participar deberán facelo a través do teléfono 617 148 866 ou ben no correo museocienciavino@concellodesalvaterra.org

Comparte este artigo