HomeBaixo MiñoA GuardaO Rosal esixe á Xunta manter o posto de traballo social da...

O Rosal esixe á Xunta manter o posto de traballo social da Unidade de Saúde Mental do centro de saúde de Tui

- Anuncio -spot_img

O Concello aprobou en pleno instar ao Goberno autonómico a manter esta praza fundamental no equipo multidisciplinar que integra esta unidade no centro de saúde de Tui, que atende a máis de 60.000 persoas de seis municipios

O Rosal aprobou este xoves en pleno unha moción urxente para instar á Xunta de Galicia a manter o posto de traballo social da Unidade de Saúde Mental do cento de saúde de Tui, que deixará de contar con este recurso de forma inminente este 1 de xuño. Con esta proposta, o Concello busca que se garanta a atención integral á saúde mental cun equipo multidisciplinar que atende a máis de 60.000 persoas dos cinco concellos do Baixo Miño (Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia) e de Salceda de Caselas.

A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, sinalou que “prescindir desta praza de traballador social sería comezar a desmantelar esta unidade. A presenza dun traballador/a social nesta unidade non é un luxo, é unha necesidade vital para garantir o acompañamento ás familias e persoas afectadas, especialmente nun territorio tan disperso como o noso, facilitando unha atención de proximidade”.

No pleno lembrouse que desde 2001 unha persoa profesional desenvolve este traballo esencial de forma continuada, establecendo vínculos coa comunidade, cos usuarios e usuarias, coas súas familias, cos servizos sociais de Atención Primaria do concello e do propio SERGAS, así como coas asociación, un servizo de alta calidade que facilita unha maior colaboración no tratamento de pacientes mediante o seguimento compartido, o acompañamento ás familias se a intervención inmediata. Unha atención centrada na e no paciente por parte dos servizos de saúde mental que favorece a continuidade asistencial.   

Segundo a rexedora, “perder este recurso esencial significaría dar un paso atrás na calidade asistencial e na protección das persoas máis vulnerables”. Fernández Callís insistiu en que “nun momento no que a saúde mental debe ser unha prioridade, non podemos permitir que se deteriore un servizo que facilita a continuidade asistencial”.

A Unidade de Saúde Mental do centro de saúde de Tui conta cun equipo multidisciplinar que integra psiquiatras, psicólogas/os clínicas/os, enfermería especializada e persoal administrativo, ademais do traballador/a social que agora se vai suprimir. Este perfil profesional garante unha atención integral, non só centrada na persoa paciente, senón tamén na súa contorna familiar e social, algo imprescindible para a recuperación das e dos doentes e para a mellora da calidade de vida.

Publicacións Relacionadas