A sesión celebrarase o 8 de febreiro no Centro Cívico e abordará as principais causas e secuelas da discapacidade, coa que conviven máis de 40.000 persoas en Galicia
SA Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE)* arranca na localidade de Tui o calendario anual de actividades de sensibilización sobre o dano cerebral adquirido, unha discapacidade resultante, na maioría dos casos, dun ictus ou dun traumatismo cranioencefálico derivado dun accidente de tráfico.
A sesión informativa, organizada en colaboración coa Asociación Párkinson Baixo Miño, terá lugar o 8 de febreiro, ás 17.00h, no Edificio Francisco Sánchez (rúa Colón, 2). A actividade está dirixida a todo tipo de público e centrarase na abordaxe das principais causas do dano cerebral, das diversas secuelas asociadas a esta súbita lesión e dos recursos de atención dispoñibles para o colectivo.
A asistencia á charla é gratuíta pero é preciso inscribirse previamente no Centro Cívico Social de Tui ou no teléfono 689083144.
A necesidade da prevención
O dano cerebral adquirido é un problema de saúde pública de primeira orde. Debido ao envellecemento da poboación e aos cambios nos hábitos de vida (especialmente o empeoramento da alimentación e o sedentarismo), a súa incidencia incrementouse notablemente nos últimos anos, sobre todo debido ao aumento do número de casos de ictus. Así, malia que as melloras na atención médica de urxencias permitiron diminuír a taxa de mortalidade derivada dos accidentes cerebrovasculares, existe unha maior porcentaxe de persoas que sobreviven con secuelas.
Malia que os ictus non se poden evitar, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), o 90% dos casos están asociados con factores de risco modificables (como a hipertensión arterial, o colesterol, a diabetes, a obesidade, o sedentarismo, o consumo de alcol, tabaco e outras drogas e o estrés, entre outros). Por este motivo, unhas das principais liñas de actuación de FEGADACE céntrase na realización de actividades de divulgación, capacitación e promoción de hábitos de vida saudables para a prevención do dano cerebral.
No caso da charla de Tui, a Federación conta coa colaboración do Concello e co financiamento da Consellería de Política Social e Xuventude, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan o X Solidario na súa declaración da renda.
FEGADACE constituíuse en 2007 polas unión das 5 asociacións galegas de dano cerebral: ADACECO (A Coruña), ADACE (Lugo), Alento (Vigo), DCA-Ourense e Sarela (Santiago). Xuntas aglutinan a máis de 2.000 persoas sociais. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo.

