Identificadas dúas persoas por subtraer unha cría de cisne no río Alvedosa

adminON
Lectura mínima de 2

Dúas persoas foron identificadas esta noite pola Policía Local de Redondela logo de subtraer unha cría de cisne na contorna do río Alvedosa. Os axentes, alertados polos veciños, localizaron aos dous individuos agochados entre a maleza na parte traseira da estación depuradora, na contorna da avenida Mendiño. A policía identificou a estas dúas persoas, que negaron os feitos, pero tras unha inspección os axentes localizaron o seu vehículo e atoparon lanternas, prismáticos, anacos de pan, ganzúas e tamén a cría de cisne envolta nunha bolsa. O animal foi devolto á súa nai, na zona onde aniña no río Alvedosa. Os dous varóns, naturais de Ourense e Ponferrada, foron propostos para sanción en base á Lei de Protección e Benestar Animal pola comisión dunha infracción grave. O roubo, furto ou a apropiación indebida dun animal pode carrexar unha multa de entre 10.000 e 50.000 euros.

O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, lembra que as especies silvestres están protexidas “e deben ser respectadas nos seus hábitats naturais, evitando molestalas e en ningún caso se pode subtraer algún exemplar destas aves salvaxes”. Desde o Concello ponse en valor a actuación dos axentes da Policía Local, e lembran que en ocasións anteriores xa se alertara por parte dos veciños de roubos de crías de parrulo e de ovos dos niños, pero non fora posible identificarse aos responsables. Villar apunta a que este tipo de actos delitivos poderían ter como finalidade lucrarse no mercado negro, “xa que se trata de especies silvestres protexidas por lei e que non poden comercializarse”.

Comparte este artigo