Luciano Otero comeza o ano con inquedanza polo atraso no arranxo da estrada de Nespereira

adminON
Lectura mínima de 3

O Alcalde de Pazos de Borbén, Luciano Otero, comeza o ano fondamente preocupado ante a prolongada demora da Deputación de Pontevedra en iniciar os traballos de acondicionamento da estrada EP2702. Esta preocupación, compartida con veciños e veciñas e que xa ven de anos atrás, vai a máis debido a que as condicións da vía empeoran cada día e son moitos os incidentes que se producen, afortunadamente menores polo momento.

Otero lembra que o anterior goberno da Deputación anunciou un inicio inminente dos traballos nesta estrada. Con todo, ata o momento non se observou ningún avance significativo neste sentido. A pesar dos esforzos do Alcalde por contactar coa Deputada de Infraestruturas Públicas, Mobilidade e Contratación, María Isabel Couselo Torres, para tratar esta situación, non recibiu resposta.

Con quen si mantivo un encontro o Alcalde foi con membros da Plataforma pola mellora da EP2702. Os representantes veciñas solicitaran unha reunión pola crecente preocupación da comunidade ante a falta de novidades sobre o comezo dos traballos e o perigo que supón a combinación de pésimo estado da vía e elevado tráfico de vehículos pesados.

Luciano Otero amosou a súa total coincidencia coa Plataforma e advirte que, se non é recibido pronto pola Deputada responsable, verase obrigado a explorar outras alternativas para abordar esta situación apremiante.

Considera imprescindible recibir información de por que non comezaron as obras do primeiro tramo, que se ía licitar a finais do pasado verán, estar a traballar xa na preparación dos seguintes e garantir a inclusión dos fondos necesarios nos orzamentos do ano 2024 para esta infraestrutura vital.

Mentres tanto, Otero fai un chamamento á prudencia para todos os usuarios da estrada EP2702, incluíndo condutores, peóns e deportistas, debido ao perigo que presenta actualmente. E insta á Deputación de Pontevedra a priorizar esta infraestrutura e garantir a seguridade dos cidadáns que a utilizan. Hai un medo colectivo na comunidade local a que os múltiples incidentes que se producen nesta vía se convertan, algún día, nunha desgraza grande.

Comparte este artigo