Celebrarase mañá xoves ás 11.30 h no Teatro Municipal de Tui dentro da programación “O Camiño do Nadal”
Un total de 308 alumnos e alumnas de centros educativos de Tui unirán as súas voces no II Certame de Coros Escolares que se celebra mañá xoves, 11 de decembro, ás 11.30 h no Teatro Municipal de Tui, dentro da programación “O Camiño do Nadal”.
Participarán os CEIP’s de Guillarei, Rebordáns, Nº1, Nº2, Randufe, Pazos de Reis e Caldelas.
Do CEIP de Guillarei participan 10 alumnos, que interpretarán “Rodolfo el reno” e “Panxoliña beatle”; do CEIP de Rebordáns serán 48, e porán voz a “Ai Maruxiña” e a “Dulce Navidad”; 90 alumnos do CEIP Nº2 entoarán “Volver a casa por Nadal” e “Dos bichos”; do CEIP Nº1 participan 40 alumnos, que interpretarán “Feliz Navidad” e “Jingle Bells Rock”; 14 serán os participantes do CEIP Randufe, con “Chegaron a pé” e “Chegou o Nadal”; 38 alumnos do CEIP Pazos de Reis entoarán “No dudaría” e “En Navidad”; e dende o CEIP Caldelas participarán 68 alumnos, con “Aloumiños de Nadal” e “Nadal de Caldelas”.
Este certame, organizado polo Concello de Tui, foi impulsado pola Coral Ponte das Febres, de Ribadelouro, e o CEIP de Pazos de Reis, co obxectivo de achegar a música coral aos nenos e nenas de Tui. A esta segunda edición súmase o CEIP de Caldelas.
A entrada é libre até completar o aforo.



