HomePontevedraBaixo MiñoMáis de 600 sinaturas reclaman sendas seguras nas estradas autonómicas de Tomiño

Máis de 600 sinaturas reclaman sendas seguras nas estradas autonómicas de Tomiño

- Anuncio -spot_img

A veciñanza de Santa María e San Salvador de Tebra solicitan á Xunta actuacións urxentes na PO-344, unha estrada cun alto tráfico sen beiravías transitables

O Concello enviou varios escritos á Consellería de Vivenda e solicitou reunirse coa responsable para abordar esta demanda veciñal histórica

“Ir a pé polo centro das nosas parroquias converteuse nun exercicio de valentía, cando debera ser un dereito seguro e tranquilo”. Así o denuncian os veciños e veciñas de Santa María e San Salvador de Tebra, que acaban de recoller máis de 600 sinaturas para pedir á Xunta de Galicia a creación de sendas peonís na estrada autonómica PO-344 ao seu paso por Tomiño.

Esta vía, clave para a comunicación entre as comarcas do Baixo Miño e do Val Miñor e paso cara á área suroeste da área metropolitana de Vigo, soporta un elevado volume de tráfico, incluíndo numerosos vehículos pesados, pero carece de beiravías transitables. Isto obriga a moitas persoas a camiñar practicamente pola calzada, co grave risco que iso supón para a súa integridade.

“Falamos dunha das principais arterias do noso concello, onde a vida cotiá non se detén: nenos e nenas que van á escola, maiores que fan recados ou acoden a actividades, familias que participan na vida social e cultural… Sen un espazo seguro para camiñar, cada pequeno desprazamento convértese nun perigo constante”, subliña a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

O problema agrávase porque nesta estrada que comunica as parroquias do val do Tebra atópanse unha farmacia, un restaurante e varias tendas de alimentación e produtos agrícolas, o que fai que o tránsito peonil sexa habitual a pesar da perigosidade e da velocidade que acadan moitos vehículos.

Esa estrada xa tiña proxectada unha senda peonil dende hai máis de dez anos incluída nun plan de sendas deseñado pola propia Consellería de Vivenda. Con isto, a rexedora resalta que executala sería moi sinxelo, xa que hai terreo suficiente dispoñible e non se precisarían grandes obras nin investimentos custosos.

O Concello enviou xa varios escritos á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e solicitou unha reunión coa responsable para trasladar esta preocupación, que é unha demanda histórica da veciñanza. “Necesitamos actuacións urxentes que garantan a seguridade e ao mesmo tempo promovan unha mobilidade sostible. Non podemos seguir poñendo en risco á nosa xente”, recalcou a rexedora.

A recollida de sinaturas, impulsada polas asociacións veciñais, evidencia que a preocupación da cidadanía vai en aumento e que o problema require dunha resposta inmediata. As sinaturas serán enviadas proximamente por rexistro á Consellería, coa esperanza de que finalmente se habiliten sendas peonís que permitan convivir con seguridade a peóns e vehículos.

Publicacións Relacionadas