Poderá visitarse ata este domingo nunha carpa emprazada no Parque do Cristo
105 metros lineais de camelia tinguen de cores a carpa habilitada no parque do Cristo onde máis de medio cento de expositores -unha decena máis que o ano pasado-, locen os seus mellores centros. Unha mostra que se ten superado na súa segunda edición, e que “está xa consolidada” segundo aseguraba o vicepresidente da Sociedade Española da Camelia, Antonio Luis Montes, este sábado, durante a inauguración.
Xunto a el, o concelleiro de Festas, Bienvenido Estévez, a organizadora da mostra, Matilde Campos, e o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, que agradecía a implicación dos expositores, que chegaron de diferentes puntos da xeografía galega e incluso de Portugal. Convidaba a todo o mundo a visitar o municipio nestas datas para visitar a Mostra: “se queres té, está aquí no Porriño, se queredes unha bola de pan, vinde ao Porriño, se queredes unha casa de pedra, facédela de Rosa Porriño e, para adornalo, mellor que as camelias do Porriño non vai haber”. Entre aplausos do público, insistía en que “O Porriño é o mellor lugar para vivir”, e lembraba que a vinderia fin de semana tamén hai cita no municipio relacionada coa natureza, a cultura e a gastronomía, a Feira Apícola das Rías Baixas.
A II Mostra da Camelia convive coa Exposición das Camelias dos galegos e as galegas que estará ata o 14 de abril na praza Arquitecto Antonio Palacios.

