Arbo prepara a súa grande Festa de Outono: música gratronomía e tradición no XI Magosto Popular

Redacción
  • A Praza do Concello acollerá este domingo 8 de novembro, a partir das 17:00 horas, unha tarde de convivencia aberta a todas as idades.
  • O Concello distribuirá de balde 100 quilos de castañas asadas e 70 quilos de chourizo para celebrar as raíces e o patrimonio cultural do municipio.

O outono convértese de novo en sinónimo de celebración en Arbo. No marco da programación do Outono Cultural 2026, a localidade prepárase para vivir unha das súas datas máis entrañables e participativas: a décimo primeira edición do seu Magosto Popular, unha cita deseñada para render homenaxe ás tradicións galegas e fortalecer os lazos comunitarios.

A partir das 17:00 horas, a Praza do Concello transformarase no epicentro do festexo. A animación correrá a cargo da Charanga Imperiais, cuxo repertorio poñerá o ritmo e a ledicia a unha tarde pensada para o gozo de pequenos e maiores. Xunto coa música, o sabor tradicional será o gran protagonista grazas ao reparto de balde de preto de 100 quilos de castañas recén asadas e 70 quilos de chourizo.

O rexidor de Arbo, Horacio Gil, salienta o valor desta cita e anima á participación de toda a comunidade: “Queremos convidar formalmente a todos os veciños e veciñas de Arbo a sumarse a esta festa tan nosa e significativa. O magosto é unha oportunidade única para xuntarnos, compartir sorrisos e manter viva a chama das nosas tradicións. É un orgullo ver como a nosa praza se enche de vida e de calor humano ano tras ano”.

Así mesmo, o alcalde fixo un chamamento especial a quen aínda non coñece a vila nesta época do ano: “Invitamos tamén a todos os turistas e visitantes a que se acheguen e desfruten do outono en Arbo. A nosa vila ofrece nestes meses paisaxes incribles, unha gastronomía excepcional e un acollemento único. Queremos que quen nos visite se sinta como na casa e viva connosco a esencia e o encanto da nosa cultura popular”.

Máis alá de ser unha homenaxe ás antigas celebracións, a xornada busca dinamizar a vida social do municipio e reafirmar o compromiso do Concello coa cultura de proximidade. Con esta iniciativa, Arbo consolídase como un referente na conservación do legado e a identidade popular da rexión.

Comparte este artigo