O certame abre o prazo de participación do 1 de febreiro ao 31 de marzo de 2026. A fotografía do cartel actual é de Alexandre Entenza, fotógrafo marinense, e ten de protagonista a un paíño
O Museo do Mar de Marín acolleu esta mañá a presentación oficial das bases do II Certame de Fotografía do Mar, unha iniciativa cultural que pon en valor o mar como elemento esencial da identidade marinense, tanto desde unha perspectiva natural como social e patrimonial, e que é unha das actividades paralelas do Festival Cine do Mar, organizado polo Museo do Mar.
No acto participaron a concelleira Marián Sanmartín; Lukas Santiago, director do festival, así como representantes do propio museo. Tamén estivo presente o fotógrafo marinense Alexandre Entenza, autor da fotografía que ilustra o cartel deste ano e que representa a un paíño.
Durante a presentación salientouse que este certame nace co obxectivo de reivindicar o mar como ecosistema, promover a concienciación sobre a súa protección e dignificar os oficios vencellados ao mundo marítimo.
Está aberto á participación de creadoras e creadores de calquera nacionalidade, cunha inscrición libre e gratuíta. Cada participante poderá presentar ata cinco fotografías, sempre que estean relacionadas co mar desde unha perspectiva natural ou cultural.
O prazo de presentación das obras estará aberto do 1 de febreiro ao 31 de marzo de 2026, e as fotografías deberán enviarse por correo electrónico seguindo as condicións técnicas e administrativas recollidas nas bases, fomentando máis a orientación vertical.
Isto explícase porque a fotografía gañadora ilustrará o cartel do festival do ano que vén, así como a segunda servirá para promocionar o certame de fotografía da próxima edición. Por iso, a modalidade vertical adaptarase mellor a ese formato.
O xurado, formado por profesionais do ámbito cinematográfico, audiovisual e cultural vencellados ao Festival Cine do Mar, valorará especialmente a creatividade e a calidade técnica das obras. As 20 fotografías finalistas formarán parte dunha exposición que coincidirá coa celebración do III Festival Cine do Mar.
En canto aos premios, o certame establece un primeiro premio de 200 euros, un segundo premio de 100 euros e un terceiro premio sen dotación económica, todos eles acompañados de diploma acreditativo.
Para máis información ou consultas, as persoas interesadas poden dirixirse ao correo electrónico: cinedomardemarin@gmail.com.



