Masiva participacón na emblemática procesión de San Roque entre Cequeril e Sebil

adminON
Lectura mínima de 3

O alcalde, Manuel Campos, que tamén tomou parte nesta cita  portando a imaxe do patrón durante un tramo do traxecto, agradece  e pon en valor o esforzo da veciñanza para manter viva unha  tradición que se remonta a máis un século 

Os veciños e veciñas habilitan unha pontella de madeira para poder  salvar o paso sobre o río Umia e poder chegar ata Sebil 

Este mércores tivo lugar unha das citas  relixiosas máis emblemáticas e especiais do verán en Cuntis. Un gran número  de veciños e veciñas de todas as idades participaron na procesión de San  Roque, que parte desde a parroquia de Cequeril e chega ata Sebil, nun traxecto  que se prolonga durante máis de 10 quilómetros, a través de diferentes camiños,  sendas e pistas forestais.  

Ademais de pola súa lonxitude, esta procesión tamén é unha das máis especiais  da provincia de Pontevedra porque son os propios veciños e veciñas os que,  cada ano, habilitan unha pontella de madeira, que se utiliza para poder salvar o  paso do río Umia, de xeito que a comitiva poida chegar ata Sebil. A procesión  realizouse pola mañá, cunhas condicións meteorolóxicas axeitadas. Á cita non  faltou o alcalde, Manuel Campos, que non dubidou en exercer de costaleiro durante un tramo do traxecto, no que portou a imaxe do santo patrón. Na metade  do traxecto houbo un pequeño refrixerio na Queizosa, para reponer forzas. A  procesión rematou no campo da festa de Sebil, cunha misa na honra de San  Roque. Campos Valey agradeceu e puxo en valor o esforzo dos veciños e  veciñas que “ano tras ano se implican á hora de manter viva unha tradición que  xa conta con máis dun século de antigüidade e que, sen dúbida, forma parte da  nosa historia e esencia como pobo e concello”. 

As orixes desta celebración proveñen da época na que un grupo de veciños e  veciñas de Cuntis sacaron a imaxe de San Roque en procesión para pedir  protección contra enfermidades coma a peste.

Comparte este artigo