‘Memoria, recoñecemento, soberanía e nación’: o BNG reclama institucionalizar o Día da Galiza Mártir na súa homenaxe a Bóveda

Redacción

¡O acto político nacionalista deste 17 de agosto en Pontevedra contará coa presenza de Ana Pontón, Xosé Manuel Fernández Abraldes e Sabela Iglesias, ademais dunha intervención teatralizada de Os Quinquilláns

Mocidade Galega pola Memoria e Galiza Nova organizan un coloquio sobre Castelao e a memoria na Cervexaría Nasa

O BNG celebrará o vindeiro luns 17 de agosto o seu acto político do Día da Galiza Mártir e de homenaxe a Alexandre Bóveda baixo o lema ‘Memoria, recoñecemento, soberanía, nación’, reivindicando unha vez máis a institucionalización oficial desta data. O acto contará coas intervencións da militante de Galiza Nova Sabela Iglesias, do alcalde de Barro Xosé Manuel Fernández Abraldes, e da portavoz nacional do BNG Ana Pontón. 

O Bloque defende que o 17 de agosto debe deixar de ser unha data reivindicada fundamentalmente pola sociedade civil e polo movemento memorialista para converterse nunha data oficial de país, como recoñecemento a Alexandre Bóveda e, a través da súa figura, a todas as persoas que sufriron persecución, represión, prisión, exilio ou asasinato por defender Galiza, a democracia e a liberdade.

Nesta ocasión, a formación nacionalista ilustra a celebración das e dos mártires galegos coa obra de Castelao ‘A derradeira leición do mestre’, temporalmente no Museo de Pontevedra, e subliña que non abonda con traer o cadro, facer unha fotografía diante del e presentarse como defensor do legado nin do autor nin do propio Bóveda, tal e como intenta facer o PP. “Iso é unha operación de pura fachada”, denuncia o BNG, facendo fincapé en que o pasado mes de xuño o Partido Popular volveu votar no Parlamento galego en contra da iniciativa do BNG para institucionalizar a xornada do Día da Galiza Mártir. 

Para abondar sobre todo isto, o acto político do BNG do próximo luns (Praza de Curros Enríquez 20.30h) contará coas intervencións da militante de Galiza Nova Sabela Iglesias, do alcalde de Barro Xosé Manuel Fernández Abraldes, e da portavoz nacional do BNG Ana Pontón, que voltará a estar en Pontevedra reivindicando a todas as persoas que deron o mellor de si por Galiza e foron asasinadas e represaliadas, ao tempo que subliñará a necesidade da vixencia dese compromiso co país para obter máis dereitos, autogoberno e xustiza social. Como novidade, a programación incorporará por primeira vez unha intervención teatralizada a cargo de Os Quinquilláns que permitirá abordar desde a creación escénica o significado da memoria, da represión e do legado de Bóveda.

A axenda do Día da Galiza Mártir completarase ás 17 horas na Cervexaría Nasa co coloquio ‘A memoria debuxada: do pasado ao futuro da man de Castelao’, organizado pola Mocidade Galega pola Memoria e Galiza Nova, e que contará coa participación da profesora de Historia Luísa Márquez e do debuxante Kiko da Silva.

Durante o encontro, Kiko da Silva levará a réplica de ‘A derradeira leición do mestre’ que realizou en 2018 como resposta ás palabras do daquela presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, quen evitara referirse expresamente a Bóveda durante o acto de recepción da obra no Gaiás e presentara o cadro fundamentalmente como unha homenaxe ao ensino e aos mestres, obviando a súa dimensión política e memorialística. 

Esa omisión levara o debuxante Kiko da Silva a realizar no propio Museo de Pontevedra unha réplica en directo da obra, precisamente para reivindicar o seu significado e lembrar que a figura representada é Alexandre Bóveda. Da Silva chegou a sintetizar a súa resposta a Feijóo cunha frase contundente: “Bóveda non era mestre. Foi o mestre de Castelao”. 

Os colectivos Mocidade Galega Pola Memoria e Galiza Nova, ao igual que o BNG, consideran necesario recuperar agora aquela intervención e o debate que provocou, especialmente porque a mesma forza política que daquela evitaba nomear a Bóveda é a que hoxe pretende presentarse como valedora do seu legado mentres vota contra a institucionalización do Día da Galiza Mártir.

A formación nacionalista anima á cidadanía a participar o 17 de agosto nunha xornada que combinará memoria, cultura, creación artística e compromiso político, para reivindicar non só o recoñecemento das vítimas do fascismo, senón tamén a vixencia do proxecto de país polo que Alexandre Bóveda entregou a súa vida: unha Galiza con memoria, con soberanía e con capacidade para decidir o seu propio futuro.

Comparte este artigo