Mondariz informa á cidadanía da parálise orzamentaria

adminON
Lectura mínima de 3

Ante a negativa dos grupos da oposición a avanzar na negociación dos orzamentos o goberno de Mondariz vese na obriga de informar ás veciñas e veciños desta situación que bloquea o progreso do día a día de Mondariz.

A concelleira de Facenda, Mónica Vázquez, e o alcalde, X. Carlos Montes, entenden que a cidadanía debe estar ao día da xestión municipal e por este motivo trasladan que logo de celebrar distintas reunións tanto individuais como grupais ningún dos tres grupos da oposición presentou propostas para negociar e poder aprobar en pleno un orzamento para 2024 que permita sanear as contas e planificar os investimentos.

“Celebramos tres reunións individuais, unha por cada grupo político e, a petición de todos eles, unha cuarta reunión grupal na que tan só un membro exerceu de voceiro dos tres grupos. Reunións improdutivas nas que só un dos grupos suxeriu cambios no orzamento pero reservándose todos eles as súas propostas para presentalas directamente ao Pleno sen negocialas previamente co equipo de goberno, facendo perder o tempo das concelleiras de goberno e imposibilitando que haxa un consenso sobre o orzamento do Concello. Para que queren as reunións entón? ”, explica Vázquez.

Calis Montes convida aos tres grupos da oposición a construír, a dialogar e a traballar pensando na cidadanía e na mellora de Mondariz e non nas cores políticas e no desgaste do partido de goberno cun único fin electoralista. “Non estamos aquí para facer campaña política diaria, estamos para mellorar o presente e planificar o futuro da nosa vila. Solicitar reunións co único obxectivo de impedir e de desgastar non fai vila, non constrúe, non é pensar na nosa xente”. O alcalde adianta que “aínda que limitados polo afogo económico dunha débeda herdada seguiremos traballando e xestionando en cada administración na procura de apoio independentemente das cores políticas ”.

A concelleira de Facenda sinala que a ausencia de propostas para negociar e a falta de consenso para aprobar un orzamento impide que se executen puntos do orzamento que posibilitan o incremento do salario das traballadoras do Servizo de Asistencia no Fogar (SAF), a execución de obras e servizos que melloran o día a día das persoas, pagar débedas incluso as contraídas con provedores e empresas locais, sanear a contabilidade e mesmo optar a subvencións.

“Un político debe ter vocación de servizo, debe procurar calidade de vida para as veciñas e veciños e esta actitude dos tres grupos de solicitar reunións para negociar o orzamento sen traer nada preparado amosa un desinterese absoluto e a intención de paralizar o progreso da súa vila. Isto non é un xogo, é o avance de Mondariz”, conclúe o alcalde.

Comparte este artigo