HomeVigoMosMos acolle a XXI edición das Xornadas Forestais e Micolóxicas, coa participación...

Mos acolle a XXI edición das Xornadas Forestais e Micolóxicas, coa participación da hostalaría local e un programa que combina divulgación, natureza e gastronomía

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos presentou hoxe a XXI edición das Xornadas Forestais e Micolóxicas, que se celebrarán do 20 ao 26 de outubro no Pazo de Mos, cun programa que combina divulgación científica, rutas pola natureza, música, animación infantil e gastronomía micolóxica.

A iniciativa, organizada polo Concello de Mos e a Comunidade de Montes de Mos, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e da Fundación Pazo de Mos, así como da rede de bares e restaurantes do municipio BaresMos, consolídase como un dos eventos de referencia do outono en Galicia.

Durante toda a semana, as xornadas ofrecerán charlas divulgativas sobre solos, xestión forestal, micorremediación e biodiversidade, con relatoras e relatores de prestixio coma Nerea Cazás, Beatriz Zugazagoitia, Hugo Fernández Ricón ou Jaime Blanco Dios, presidente da Asociación Micolóxica Brincabois.

O venres 24 o micogastrónomo José Luis Tomé Ortega protagonizará a sesión “Cociñando cogomelos”, e o sábado 25 terá lugar a tradicional saída didáctica para a recollida e identificación de cogomelos. Os interesados en participar en todas estas actividades deberán inscribirse previamente.

O domingo 26 será o día grande das xornadas. Ás 9.30 horas está programada unha andaina AndaMos polo Monte Salgueirón. A continuación, celebrarase a gran degustación de cogomelos e o VII Micomercado, de 12.00h a 15.00h, a cargo dos bares e restaurantes de Mos. Tamén haberá mostra micolóxica, concertos de “Os Silandeiros” e “Os Sergios”, animación infantil cos Bolechas, e o espectáculo teatral “As palabras perdidas” de Urdime, ademais dunha nova saída para identificar herbas medicinais.

A hostalaría local volve sumarse con propostas gastronómicas de outono elaboradas con setas. En todos os casos o prezo será de 6 euros/prato:

–          Bar Restaurante Curuxeira: tortilla de setas con xamón serrano, hamburguesa de carne mixta con crema de champiñón portobello e tiramisú de trufa.

–          Adega da Tía Carmen: empanadillas de trigo de setas con castañas, croquetas de fariña de millo con setas e castañas, e empanadas de trigo e millo de setas con castañas.

–          Tapería Baxiña: tacos galegos (torta de millo con setas king oyster, especias e salsa de aguacate e lima, e setas á romana e croquetas de setas (con tres quesos, shiitakeeryngui, champiñón portobello e seta ostra).

–          Asador Edam: tapa “Otoniel”, con solombo de tenreira galega ou porco celta en salsa de setas e cabaza.

–          Café Bar Encontros: cazola mar e terra (gulas con langostinos e cogomelos variados), cogomelos recheos de carne picada ao forno e castañas asadas.

–          Quinta da Rivas: con arroz de verduras e setas, brownie de cabaza con noces e avellás, e versión infantil.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que estas xornadas “son un exemplo de como o noso territorio pode unir coñecemento, tradición e innovación a través da natureza e da gastronomía”. Subliñou ademais o papel dos bares e restaurantes locais “que fan de Mos un destino de outono cheo de sabor e identidade”.

“Micoescolas”

Por outra banda, o Concello de Mos aposta pola educación ambiental e o achegamento da micoloxía ao alumnado, a través do programa “Mico Escola”, da man de MycoGalicia.

Esta actividade, que cumpre a súa segunda edición, realizarase no IES de Mos e no CEIP Mestre Martínez Alonso, con preto de 120 estudantes participantes.

No IES de Mos, a actividade celebrarase o 22 de outubro, con catro grupos de 1º da ESO (92 alumnas e alumnos), divididos en dúas sesións: de 11:00 a 12:00 horas e de 12:30 a 13:30 horas. O alumnado realizará unha saída polo monte anexo ao centro, aprendendo a identificar especies de cogomelos e coñecer o seu papel ecolóxico nos bosques.

No CEIP Mestre Martínez Alonso, a actividade desenvolverase o 24 de outubro, de 10:00 a 11:00 horas, co alumnado de 5º de primaria (28 nenos e nenas). Neste caso, a sesión terá lugar na aula e incluirá contidos adaptados á súa idade sobre o mundo dos fungos, a súa función e o seu valor ambiental.

Publicacións Relacionadas