O Pazo de Mos acolle o vindeiro martes 14 de outubro, ás 18:00 horas, unha Xornada de Concienciación no marco do Mes da Concienciación do Dó e Morte Xestacional, Perinatal e Neonatal. Trátase dun evento gratuíto e de acceso libre, organizado pola asociación Bolboretas no Ceo co apoio do Concello de Mos e da Fundación Pazo de Mos.
Baixo o lema “Somos unha de cada catro”, a cita pretende visibilizar e dar voz ás familias que pasaron pola perda dun fillo ou filla durante o embarazo ou nos primeiros días de vida, ao tempo que promove o apoio mutuo e a sensibilización social arredor dunha realidade habitualmente silenciada.
A xornada incluirá un encontro de concienciación e apoio coa matrona María Domínguez Caramés, do Hospital Álvaro Cunqueiro, testemuños de familias e voluntarias e un obradoiro da lembranza, no que se elaborarán laciños solidarios e pulseiras conmemorativas.
Dende o Concello de Mos fan un chamamento á veciñanza a participar neste acto “aberto a todas as persoas que queiran acompañar, aprender ou romper tabús sobre un tema tan sensible e humano”.
Bolboretas non ceo, que nace coa intención de dar apoio a todas as nais e pais que sofren unha perda durante o embarazo ou nos primeiros días de vida do bebé. A morte xestacional pode darse en calquera momento do embarazo, por moitas razóns diferentes, o único punto común é que todas as familias pasarán por un período de duelo practicamente descoñecido. “Se o viviches ti ou alguén da túa contorna e queres axudar, rachar tabús ou simplemente informarte, agardámoste”, sinalan dende a organización
Tal como indica a súa presidenta, Olaya López Alonso, “o primeiro que pensas cando che pasa é que es a primeira nai do planeta que o sofre. Por iso creamos Bolboretas no ceo: ningunha familia volverá estar soa”. Xunto a outras nais galegas, fundan esta asociación co obxectivo de facilitar e “alixeirar”, na medida do posible, o chamado dó xestacional ou perinatal.
Data: Martes, 14 de outubro.
Hora: 18:00 horas.
Lugar: Pazo de Mos (Camiño da Rúa, 1 – 36415 Pontevedra).
️ Acceso libre e gratuíto.



