Mos anuncia novas iniciativas do seu Programa Municipal de Actividades Educativas dentro do Horario Lectivo con motivo do Día Internacional da Educación

adminON
Lectura mínima de 3

No Día Internacional da Educación que hoxe se celebra, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, puxeron en valor o Programa Municipal de Actividades Educativas dentro do Horario Lectivo que é xa todo un clásico e un referente nas aulas dos colexios de Mos.

O 24 de xaneiro celébrase o Día Internacional da Educación, unha data proclamada pola Organización das Nacións Unidas (ONU) co obxectivo de concienciar á poboación mundial sobre a importancia da educación.

Tras o remate do primeiro trimestre do curso escolar no que, desde a concellería de Educación do Concello de Mos se promoveron iniciativas tan exitosas como Xadrez nas Aulas, as representantes municipais Arévalo e Loureiro, aproveitaron neste Día Internacional da Educación para anunciar as actividades programadas neste segundo trimestre e que se desenvolverán de febreiro a marzo.

En xaneiro o alumnado de 3º curso de Primaria está a realizar unha visita ao súper sobre “Almorzos saudables” en colaboración co supermercado Eroski.

O vindeiro mes de febreiro o alumnado de 6º de Primaria realizará a excursión de convivencia a Leitariegos (do 14 ao 16 de febreiro), os de 5º de Primaria participarán na actividade EntroideaMos sobre a recuperación do Entroido tradicional de Mos, os de 4º de Primaria recibirán aos axentes da Policía Local de Mos que lles darán unha charla sobre educación vial e seguridade viaria; e os de 1º e 2º cursos de Educación Primaria serán beneficiarios dunha iniciativa formativa sobre tenza responsable de animais e mascotas da man do Centro de Acollida e Protección de Animais da Deputación de Pontevedra, CAAN.

En marzo, os máis cativos da Primaria, os alumnos e alumnas de 1º e 2º cursos, realizarán unha actividade conmemorativa do Día Internacional dos Bosques, o alumnado de 3º e 4º cursos participará no Concurso de debuxo co motivo do Día Mundial da Auga, en colaboración co Consorcio de Augas do Louro, 5º Primaria conmemorará o Día das Matemática coa iniciativa “Mates no teu súper” realizada en colaboración co supermercado Eroski, e 6º de Primaria fará a Ruta Sendeiro Azul do Río Louro.

Comparte este artigo