O PSOE mosense négase a participar na proposta común da Corporación Municipal e vota en contra alegando que a nova autovía Vigo-Porriño é boa para Mos, mellorará a calidade de vida da veciñanza e ten un impacto medioambiantal reducido. Declaracións que provocaron a estupefacción do resto de corporativos presentes e dos representantes da Plataforma DefendeMos que asistiron á sesión plenaria. A alcaldesa tachou de traición a Mos a postura socialista
O Concello de Mos remata o ano aprobando por maioría, no derradeiro Pleno de 2024, unha Moción conxunta entre PP e BNG, solicitando de forma urxente ao Ministerio de Transportes a paralización inmediata do novo trazado da A52 e a liberación da peaxe da AP-9. O PSOE negouse a participar nesta proposta común e votou en contra da mesma, chegando a declarar incluso o voceiro socialista, Alejandro Figueroa Expósito que “é unha boa nova para Mos e para a comarca, que mellorará a calidade de vida da veciñanza e que se trata dun proxecto beneficioso, necesario e cun impacto medioambiental reducido”. Palabras ante as que a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, lle indicou que “debería caerlle a cara de vergoña, xa que isto é unha traición en toda regra ao noso municipio.
A rexedora local asegurou neste senso que “esta vai a ser a primeira moción de moitas, imos a estar de novo na batalla para paralizar este proxecto garrafal para Mos e vai ser un movemento encabezado polos veciños e nós, goberno e BNG, ao seu carón para que non se vexa ningún tinte nin interese político, sen máis bandeira que a bandeira de Mos e a defensa dos seus intereses”. Arévalo tamén quixo agradecerlle ao voceiro nacionalista, Gustavo Barcia, “a súa man tendida nesta causa común. E aínda que estamos nas Antípodas políticamente falando, únenos o amor e o respecto polo noso pobo, ao que non permitiremos que ninguneen, pisoteen e devasten de novo”, dixo.
Na moción conxunta de PP e BNG aprobada por maioría esta mañá en Pleno exponse que a alternativa que o Ministerio entende como máis recomendable resulta completamente agresiva e prexudicial, aumentando de forma considerable a afección, principalmente na parroquia de Sanguiñeda, destruíndo e paralizando 5 solos urbanizables, con implicacións directas na actividade económica do noso territorio coa demolición de naves e afectando de forma directa a máis de 100 familias que ven afectadas as súas vivendas. Unha proposta que tamén implicaría cortar viais municipais estruturantes e múltiples afeccións a viadutos e augas.
“Estamos diante dunha nova infraestrutura de gran capacidade que afecta gravemente ao noso concello e que queda lonxe de arranxar a problemática actual de tráfico e sinistralidade. Máis cando hai xa alternativas que poden supoñer un custe moito menor tanto a nivel económico, como ambiental e social como sería liberar a AP9. O concello de Mos situase ao carón da maior cidade de Galiza como é Vigo, é iso implica ter que soportar o paso de infraestruturas pra dar servizo á cidade. Dende Mos non nos opoñemos a iso pero o que si solicitamos é que o Ministerio debe dialogar co goberno de Mos e tamén cos axentes sociais da localidade pra buscar as fórmulas que sexan menos nocivas pra o territorio e os cidadáns que nel viven” versa o documento.
Coa aprobación da devandita moción acórdase instar ao Ministerio de Transportes e ao Goberno Central a paralizar de forma inmediata do novo trazado da A52. Reiterar a petición de liberación da AP-9, o seu paso por Mos, no Porriño como medida inmediata a resolver os problemas de tráfico da A-55 e darlle unha nova entrada a Vigo, menos dañina para o noso territorio, e menos custosa económicamente. E instar á Xunta de Galicia a elaboración dun documento a través da AXI (axencia galega de infraestruturas) onde quede rexeitado de novo este trazado, así como a mediación co ministerio de transportes para a definición de unha nova conexión entre Vigo e o Porriño co menor impacto social, territorial e ambiental, como estaba recollido no PXOM de Mos, dialogando co concello e a veciñanza.
Pola súa banda o Concello de Mos pon a disposición de toda a veciñanza os recursos necesarios para a máxima información e exercer o dereito a presentar alegacións e crea unha comisión de seguimento cos técnicos municipais e representación dos colectivos sociais afectados e dos grupos políticos que queiran participar.
Xa para o vindeiro mes de xaneiro hai convocadas 3 reunións informativas a este respecto que se celebrarán no Multiusos das Pozas e que van dirixidas fundamentalmente á veciñanza das parroquias máis afectadas. Serán todas ás 20h da tarde e o mércores 8 de xaneiro será para Sanguiñeda, o xoves 9 para Petelos e o venres día 10 para Tameiga.
Nidia Arévalo reiterou tamén esta mañá a esixencia por parte do Concello de Mos de “que se libere a peaxe do tramo Puxeiros-Porriño da AP-9 xa que a gratuidade da AP-9 é unha solución sinxela, inmediata e non lesiva para o territorio, ademáis de notablemente máis barata que o novo proxecto plantexado”. Concluiu a alcaldesa de Mos.

