O Multiusos de As Pozas acolleu hoxe o acto central de conmemoración do 30 aniversario do IES de Mos, un encontro que reuniu á comunidade educativa e ás institucións para celebrar tres décadas de ensino baixo o lema “30 anos ensinando e aprendendo xuntos”.
Na gala, que estivo conducida por un exprofesor do centro, Juan Legazpi, estivo invitado un alumno en representación de cada promoción, incluída a do ciclo formativo de Servizos Comerciais, lembrando a importancia de cada xeración que pasou polo instituto, polo que xa estudaron máis de 20.000 mozos e mozas nestas tres décadas.
Uno dos momentos máis emotivos da xornada foi a intervención do exalcalde Justo González Ballesta, impulsor do proxecto na súa época á fronte do Concello de Mos e cualificou ao IES de Mos como “o proxecto máis importante” do municipio. Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, felicitou ao instituto e a toda a súa comunidade educativa, destacando que “o IES de Mos é un orgullo para todo o municipio, un espazo de aprendizaxe e convivencia que forma persoas, crea vínculos e constrúe futuro para Mos” e reiterou o seu compromiso de seguir traballando para que este centro conte con cada vez máis mellores instalacións e dotacións.
No capítulo de intervencións cabe destacar a de Conchi Villamarín, conserxe do IES de Mos durante os seus 30 anos de existencia; Begoña Pérez, unha das exdirectoras do centro presentes nesta emotiva xuntanza (tamén se atopaban Anxos Vázquez e Begoña Villalón); a presidenta da AMPA, María José Ramos, ou Eduardo Gómez, exprofesor do centro.
Pechou o ciclo de intervencións a actual directora Azuzena Matilde, que recibiu de mans da alcaldesa Nidia Arévalo e da concelleira de Educación Julia Loureiro un detalle conmemorativo desta celebración.
Os músicos Ismael Pato, Eduardo Mariño e Manuel Martínez puxéronlle música a una celebración que pechou unha semana de actividades especiais, entre elas a exposición conmemorativa que recompilou a historia do instituto, aberta ao público ata este mesmo sábado.



