HomeVigoMosMos celebra unha actividade interxeracional entre o alumnado dos colexios públicos e...

Mos celebra unha actividade interxeracional entre o alumnado dos colexios públicos e os usuarios do Centro de Día O Son do Regueiro

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos, a través do departamento de Educación, puxo en marcha hoxe a primeira das xornadas da actividade interxeracional co Centro de Día “O Son do Regueiro”, no marco da conmemoración polo Día Internacional das Persoas Maiores, celebración anual que se leva a cabo o 1 de outubro dende o 1991, proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1990, para recoñecer a contribución dos maiores a sociedade e promover unha imaxe máis positiva do envellecemento.

Esta iniciativa, na que participan os cinco centros de educación primaria públicos do municipio, ten como obxectivo fomentar o respecto, a empatía e o aprendizaxe compartido entre xeracións, poñendo en valor a experiencia vital das persoas maiores e o papel fundamental que desempeñan na sociedade.

Nesta primeira sesión, participaron os nenos e nenas de 5º de Primaria do CEIP de Atín e o alumnado de 6º do CEIP de Petelos, que foron recibidos polo persoal e os usuarios do centro. Durante a mañá compartiron tempo, xogos e conversacións, dentro dun programa que incluirá actividades como o magosto, o bingo, manualidades de Samaín e Nadal, e outras propostas lúdico-educativas.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada polos concelleiros Julia Loureiro e Camilo Grandal, achegouse ata o centro para compartir un anaco da xornada, poñendo en valor “a importancia destas experiencias que unen xeracións, fortalecen os vínculos comunitarios e axudan a construír unha sociedade máis humana, solidaria e respectuosa”.

Nidia Arévalo destacou ademais o labor do persoal do centro e o compromiso dos equipos docentes, subliñando que “proxectos coma este fan que Mos siga sendo un concello que coida das persoas en todas as etapas da vida”.

Publicacións Relacionadas