A proposta de aprobación do polígono 1 saíu adiante cos votos favorables do goberno municipal e a abstención da oposición. O Concello xa adquiriu os terreos e conseguiu financiamento europeo para impulsar o equipamento.
O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou definitivamente, con carácter parcial, o polígono 1 do Plan Especial de Reforma Interior da Portela, en Xinzo. O acordo, adoptado cos votos favorables do goberno municipal de PP e ACIP e a abstención dos grupos da oposición, supón un avance fundamental na tramitación urbanística necesaria para construír o futuro centro de día.
O Concello xa adquiriu os terreos destinados a este equipamento e conseguiu financiamento europeo para impulsar a súa construción. O centro permitirá mellorar a atención aos maiores, apoiar as familias nos coidados e favorecer a permanencia das persoas na súa contorna.
A alcaldesa, Nava Castro, destaca que «o centro de día de Xinzo é un proxecto prioritario para este goberno. Queremos que os nosos maiores conten con atención próxima e que as familias dispoñan de máis apoio para os coidados. Esta aprobación achega ese obxectivo á súa realización».
Castro subliña tamén que «a adquisición dos terreos e a consecución de financiamento europeo son avances concretos aos que agora se suma este paso urbanístico. Seguiremos traballando para converter este proxecto nun servizo para a veciñanza e reforzar os equipamentos nas nosas parroquias».
Pola súa banda, a concelleira de Urbanismo, Silvia F. Táboas, sinala que «este é un fito importantísimo para Xinzo e para Ponteareas. Adquirimos os terreos, conseguimos financiamento europeo e agora damos un paso fundamental para facer realidade un servizo que terá un impacto directo na vida dos nosos maiores e das súas familias».
A aprobación parcial conta co respaldo dun informe técnico municipal favorable e dun informe xurídico favorable con prescricións. A análise municipal acredita que o polígono 1 dispón de autonomía funcional para desenvolverse de maneira independente do polígono 2.
O acordo mantén expresamente suspendida a aprobación e a eficacia do polígono 2 ata que se emenden as deficiencias sinaladas pola Dirección Xeral de Estradas e se cumpran os pronunciamentos sectoriais preceptivos. Deste xeito, o Concello poderá continuar coa tramitación do ámbito destinado aos equipamentos, respectando as condicións establecidas nos informes municipais.
«Ante as dificultades xurdidas na tramitación, traballamos cos servizos técnicos e xurídicos para atopar unha solución que nos permitise avanzar con rigor. O noso compromiso é seguir dando os pasos necesarios para que Xinzo conte co seu centro de día», explica Táboas.
A alcaldesa e a concelleira de Urbanismo agradecen o traballo dos servizos municipais para impulsar este expediente e reafirman o compromiso do goberno coa mellora dos servizos de proximidade e coa atención aos maiores.

