HomeVigoMosMos impulsa o crecemento urbano e empresarial con 376 expedientes tramitados no...

Mos impulsa o crecemento urbano e empresarial con 376 expedientes tramitados no que vai de ano

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos segue consolidándose como un municipio dinámico e en expansión no eido urbanístico e empresarial. Así o reflicte o balance do Departamento de Urbanismo e Medio Ambiente correspondente ao período de xaneiro a xullo de 2025, no que se tramitaron un total de 376 expedientes, fronte aos 321 do mesmo período do ano anterior.

Este incremento evidencia a recuperación e o bo ritmo de actividade construtiva, residencial e económica en Mos. Destacan especialmente as licenzas de obra maior, que pasan de 78 en 2024 a 110 en 2025, cun notable aumento de vivendas, que duplican a cifra respecto ao ano anterior (33 en 2025 fronte a 15 en 2024), e de naves industriais, que tamén se duplican (de 3 a 6).

Tamén medraron as comunicacións previas de actividade, pasando de 44 a 54, así como os expedientes relacionados co sector servizos, como furanchos e terrazas.

No que respecta ás comunicacións previas, tamén se aprecia un lixeiro incremento (81 expedientes fronte aos 76 do pasado ano), con actuacións como cambios de tellado, muros de peche ou acondicionamentos de vivendas.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, puxo en valor estes datos como “un claro indicador da confianza que seguen depositando os veciños e veciñas, as empresas e os emprendedores no noso concello”. Arévalo salientou que “en Mos seguimos traballando con axilidade e rigor para dar resposta ás demandas urbanísticas, favorecer a implantación de empresas e mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Publicacións Relacionadas