O Concello de Ponteareas encarga a un dos perfumistas máis recoñecidos de España a creación dun perfume cos aromas das alfombras florais do Corpus Christi
Atrapar nun frasco o recendo das alfombras florais do Corpus Christi é o ambicioso encargo que o Concello de Ponteareas vén de facer a un dos narices máis prestixiosos de España. David Gigirey, coñecido como “nariz de ouro”, participará nas celebracións deste ano co obxectivo de captar todos os matices dun perfume destinado a inmortalizar os aromas e emocións do noso Corpus.
A alcaldesa Nava Castro e o seu grupo de goberno apostan pola innovación, elevando esta celebración, recoñecida como Festa de Interese Turístico Internacional e Ben de Interese Cultural Inmaterial, a novas dimensións sensoriais.
A arte efémera das alfombras florais logrará así pervivir máis alá do instante no que se pisa, desfolla ou manipula a árnica, o fiúncho, as cocas ou as flores. Esa esencia quedará conservada nunha fragancia que nos permitirá revivir, en calquera momento do ano, o espírito do Corpus.
“Sinceramente, é unha honra poder acudir este ano convosco na marabillosa celebración do Corpus Christi. Unha tradición que enche de vida e cor as súas rúas e que representa a alma e a identidade de Ponteareas”.
Para desenvolver esta creación única, Gigirey desprazarase a Ponteareas para visitar os portais alfombristas, participar nas celebracións e mergullarse nas emocións, tradicións, botánica e simbolismo que conforman esta festa. O olfacto converterase así nun vehículo para o recordo, para volver ao Corpus a través dos sentidos.
“Queremos que ese sentimento de orgullo e paixón polo noso Corpus Christi e pola tradición alfombrista vaia un paso máis aló, creando un produto que nos transporte directamente a ese mes máxico”, explica a alcaldesa Nava Castro.
Na liña marcada polo goberno local de deseñar proxectos da man de profesionais de referencia, o Concello conta co talento do perfumista coruñés, con ampla traxectoria internacional. Fundador da perfumería de nicho Amusko, en A Coruña, comezou a súa andaina no mundo da cosmética de autor en Nova York no ano 2004, desenvolvendo desde entón proxectos en diversas cidades do mundo.
“Quero expresar o meu agradecemento ao Concello de Ponteareas por convidarme a participar nesta festividade tan emblemática. Ser parte desta celebración ao redor da cultura e a historia, é un privilexio que valoro profundamente”
Este creador de emocións enfróntase agora ao reto de interpretar a sensibilidade das e dos alfombristas de Ponteareas e crear, con ingredientes naturais, unha fragancia que active os sentidos e nos transporte á alma do Corpus Christi.