O Concello de Mos inaugurou esta tarde no Pazo de Mos unha exposición inédita dedicada á historia, tradición e identidade das rondallas, que marca oficialmente o inicio do Rondallas Fest 2025. A mostra reúne traxes, vestiario, elementos identitarios e información das 17 rondallas participantes, ademais do vestiario da Rondalla O Gran Sol, creación de Daniel Sánchez Arévalo para a película “Rondallas”.
A exposición estivo instalada onte, en primicia, nos Cines Tamberlik durante a preestrea oficial da película. Tras esa presentación, os materiais foron trasladados hoxe ao Pazo de Mos, onde permanecerán expostos ata o 28 de decembro.
Na inauguración da mostra, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “esta exposición non só pon en valor o legado das nosas rondallas, senón que simboliza o espírito que abre o Rondallas Fest: un festival único no mundo, nacido do talento, do esforzo e da emoción da nosa xente. Mos é e seguirá sendo a capital das rondallas.
Engadiu ademais que “é unha emoción especial ver como a tradición se transforma en cultura viva, proxectándose nun filme que xa está a conmover ao público e levando o nome de Mos a todo o mundo”.
Concerto de A Vacaloura Vermella
O acto inaugural contou tamén coa actuación de A Vacaloura Vermella, banda local que compuxo varios temas da película “Rondallas”, ofrecendo un concerto moi celebrado polo público asistente.
PROGRAMA DO RONDALLAS FEST 2025
SÁBADO 13 DE DECEMBRO
v Coloquio aberto ao público – 12:30 h | Auditorio do Pazo de Mos
O Auditorio do Pazo de Mos acollerá un coloquio aberto ao público, con entrada libre ata completar a capacidade. O encontro xirará arredor da película “Rondallas” e do fenómeno cultural que a inspira.
Participantes:
• Daniel Sánchez Arévalo, director da película
• María Vázquez, actriz
• Xosé Antonio Touriñán, actor
• Carlos Blanco, actor
• Judith Fernández, actriz
• Fer Fraga, actor
O coloquio estará moderado por Alejandro Pérez, quen tamén participa na película interpretando o papel de presentador do certame de rondallas, tarefa que desempeña igualmente na vida real.
O acto inclúe tamén:
v Certame de Rondallas – 16:30 h | Exterior do Pazo de Mos
A partir das 16:30 h celebrarase a primeira xornada do Certame de Rondallas, precedida dun monólogo de Carlos Blanco, que achegará humor e ambiente festivo á tarde.
Haberá tamén zona gastronómica.
Orde de actuación:
1. Rondalla do Círculo Cultural e Deportivo Santa Eulalia de Mos – Mos
2. Rondalla Asociación Cultural e Musical de Pontellas – O Porriño
3. Rondalla do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor – Nigrán
4. Rondalla Santa María – O Porriño
5. Rondalla A Miroteira, Ventosela – Redondela
6. Rondalla da Sociedade Cultural Helios de Bembrive – Vigo
7. Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios – O Porriño
8. Rondalla da Asociación Club Santiaguiño de Guizán – Mos
DOMINGO 14 DE DECEMBRO
Obradoiro para a cativada – 12:30 h | Biblioteca do Pazo de Mos
A Biblioteca do Pazo de Mos acollerá un obradoiro de fabricación de instrumentos rondalleiros e chapas, dirixido á cativada.
Inscricións: 986 33 94 04 / 986 33 80 80.
Segunda xornada do Certame de Rondallas – A partir das 16:30 horas| Exterior do Pazo de Mos
Con zona gastronómica e ambiente festivo, continuarán as actuacións das seguintes agrupacións:
1. Rondalla da Asociación O Mosteiro de Peixegueiro – Tui
2. Rondalla da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios – Gondomar
3. Rondalla da Asociación Folclórica Airiños da Lagoa, Baíña – Baiona
4. Rondalla da Asociación Veciñal e Cultural San Mamede de Zamáns – Vigo
5. Rondalla do Centro Social Cultural e Recreativo de Beade – Vigo
6. Rondalla do Centro Veciñal e Cultural de Valladares – Vigo
7. Rondalla da Asociación Cultural A Merced de Chaín – Gondomar
8. Rondalla da Asociación Cultural de Herville – Mos
9. Rondalla do Centro Recreativo e Cultural de Torroso – Mos
O Concello de Mos convida a toda a veciñanza e ás persoas amantes da música e da cultura tradicional a participar neste Rondallas Fest 2025, un evento único que celebra a identidade, a creatividade e a emoción colectiva dun pobo.



