O Concello de Mos pon en marcha ‘XantaMos’, un innovador programa de comida caseira a domicilio pensado para facilitar o día a día das persoas maiores e de quen precise apoio na organización das súas comidas, sen renunciar ao sabor e á calidade da cociña tradicional.
O servizo permite recibir na casa menús elaborados por nutricionistas, adaptados ás necesidades e dietas de cada persoa. As receitas están preparadas coas mellores materias primas da nosa terra, con máis dun 90% de provedores galegos, e chegan listas para comer, sen conxelar, precisando só dous minutos no microondas.
A entrega realízase unha vez por semana directamente no domicilio. O prezo é dende só 7 euros por menú, que inclúe primeiro e segundo prato, e ofrece tamén un equipo de atención continuada para asegurar a excelencia e o benestar das persoas usuarias.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, visitaron o domicilio dun veciño de Mos para presentarlle o servizo e algún dos pratos que se sirven, prestando, ao mesmo tempo, unha atención de calidade, comodidade e atención personalizada.
Durante a visita, Arévalo subliñou que “XantaMos é un programa pioneiro en Mos que combina saúde, tradición e innovación social, ofrecendo unha solución práctica e accesible para que as persoas maiores poidan seguir gozando da súa vida no fogar, con seguridade e benestar”.
As persoas interesadas poden informarse gratuitamente chamando ao teléfono 986 33 72 78.
O servizo ‘XantaMos’ é posible grazas á colaboración entre o Concello de Mos e Culinaria, empresa galega especializada na alimentación saudable e na atención a persoas maiores.