HomeVigoMosMos presenta “A Volta nos Bares”, unha campaña para encher de sabor...

Mos presenta “A Volta nos Bares”, unha campaña para encher de sabor o municipio durante todo o verán

- Anuncio -spot_img

A iniciativa forma parte dos actos promocionais pola chegada de La Vuelta España a Mos o 9 de setembro

O Concello de Mos e a Asociación de Hostelería e Turismo de Mos “Bares Mos” presentaron hoxe a campaña “A Volta nos Bares”, unha ruta gastronómica e social que se desenvolverá durante todo o mes de setembro como parte dos actos de dinamización e benvida á chegada da Volta Ciclista a España 2025.

A iniciativa comeza xa en agosto cunha potente acción promocional: o reparto de 100.000 manteis personalizados entre os bares das 10 parroquias de Mos, cun deseño visual atractivo que anuncia e dá visibilidade á campaña.

Durante todo o mes de setembro, uns 30 establecementos hostaleiros ofrecerán pinchos especiais a 1 euro, acompañados dunha consumición, todos os xoves, venres e sábados, en horario de 19:00 a 23:00 horas. Cada pincho levará o nome dun lugar emblemático de La Vuelta ou dunha figura histórica do ciclismo, creando así unha experiencia única que mestura gastronomía, cultura e deporte.

A clientela poderá participar recollendo un “tapaporte”, no que irá acumulando selos por cada pincho consumido en bares diferentes. Ao completar 6 selos de 6 locais distintos, óptase a premios como maillots da Volta a España, e haberá tamén un agasallo final sorpresa.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que estivo acompañada na presentación por Manuel Seijo, presidente de “Bares Mos”, destacou que “A Volta nos Bares é moito máis que unha ruta de pinchos: é unha homenaxe aos nosos bares, á nosa xente e á identidade que nos une. Unha forma de celebrar a chegada de La Vuelta España á nosa terra dende o máis noso: a vida social, a gastronomía e o orgullo de pobo”.

O Concello anima a toda a veciñanza e visitantes a participar, descubrir novos locais e formar parte desta volta simbólica, saborosa e chea de espírito colectivo.

Publicacións Relacionadas