Mos preséntase ao Plan Extra da Deputación para acometer a humanización dende San Eleuterio ata a Candosa

adminON
Lectura mínima de 7
  • Opta a unha subvención provincial de 900.000 euros coa que cofinanciar o proxecto que ascende a unha contía total de 1,5 millóns de euros
  • A semana pasada celebrouse no Multiusos das Pozas unha reunión coa veciñanza sobre a nova actuación que dá continuidade ao Plan Mos Humanizado
  • A superficie total do ámbito de actuación da humanización ascende a 14.420 m2

O Concello de Mos presentará esta mesma semana na Deputación de Pontevedra o proxecto de humanización da Estrada Pereiras-Tameiga dende San Eleuterio ata a Candosa, para optar a unha axuda provincial do Plan Extra (Plan Provincia Extraordinaria) de cara á súa execución. A subvención ascende a 900.000 euros e o orzamento total da obra é de 1,5 millóns de euros.

Precisamente a semana pasada realizouse, no Multiusos das Pozas, por parte da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, demais membros do equipo de goberno local e técnicos redactores do proxecto, a presentación do devandito proxecto de humanización.

Para a xuntanza convocouse aos veciños propietarios de terreos aos que lles influirá a obra, e se lles indicou en detalle o trazado exacto da nova senda e o seu deseño definitivo. Esta nova senda peonil dará continuidade ao Plan Mos Humanizado e dá continuidade tamén á remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio.

As obras realizaranse no ámbito que abarca desde Camiño da Laxiña (PK 0+000, na contorna da Ermida de San Eleuterio) ata o núcleo de Candosa (PK 1+414). Coa realización deste proxecto, perséguese o aumento da seguridade das persoas e os vehículos, mediante a construción dun itinerario peonil nunha marxe e a ampliación da sección viaria de acordó ás aliñacións do PXOM. Ademais, favorécese unha mobilidade alternativa (máis desprazamentos a pé ou en bicicleta), créanse espazos seguros (sendas peonís e redución de velocidade), foméntase a mobilidade inclusiva (itinerarios accesibles) e en definitiva, recupérase o concepto de viario como espazo amable, de calidade e para as persoas, con solucións ambientais sostibles (redución da contaminación).

A Estrada Pereiras-Tameiga é un dos principais eixos norte-sur do municipio de Mos, o cal parte da Ermida de San Eleuterio e finaliza na Igrexa de San Miguel de Pereiras, atravesando as parroquias de Petelos, Tameiga, Sanguiñeda e Pereiras. Trátase dun vial estreito, sen beirarrúas e cun tráfico mixto importante, onde conviven vehículos lixeiros e pesados (autobuses escolares, camionetas de repartición…).

O vial dá servizo a vivendas unifamiliares (cunha distribución máis ben dispersa ao longo da actuación e máis concentradas no núcleo de Pedraúcha). É un vial estreito e asfaltado, con ancho variable, que carece de beirarrúas na maior parte do ámbito e de espazos ordenados para o aparcamento.

O Concello de Mos propón realizar un deseño viario que teña en conta criterios de humanización e seguridade viaria, así como a mellora da mobilidade e accesibilidade, Para a ampliación da sección viaria, nesta fase, óptase por aproveitar ao máximo una das marxes da aliñación do PXOM e tentar ocupar o mínimo posible a marxe contraria, mantendo sempre unha calzada de ancho adecuado (>6,50m) e unha senda accesible de 2.00 m (mínimo: 1,80m).

No proxecto exponse unha marxe con senda peonil accesible e segura que comunique os diferentes núcleos. Rehabilitarase o pavimento de aglomerado asfáltico, o cal se atopa en mal estado. Incorpóranse redutores de velocidade e un paso de peóns elevados para aumentar a seguridade viaria. Prevese o deseño dunha nova rede de drenaxe, conectada á rede existente. Inclúese a renovación da rede de iluminación, optando por modelos máis eficientes e soterrando a rede, mellorando a calidade visual do conxunto. Incluíuse o soterramento das redes de telecomunicacións e electricidade, tanto a obra civil como eléctrica.

Esta actuación busca fomentar a mobilidade alternativa (máis desprazamentos a pé), crear espazos máis seguros e de calidade (beirarrúas máis amplas, redución de velocidade…), fomentar a mobilidade inclusiva (itinerarios accesibles) e mellorar as redes de servizo existentes. Consiste principalmente en reordenar a infraestrutura viaria nunha lonxitude de 1.414 m e nunha superficie total do ámbito de actuación de 14.420 m2.

Entre o PK 0+000 e o PK 0+720 proxéctase a ampliación da sección viaria, cun ancho mínimo da calzada de 6.50 m, e unha senda pola marxe Este, de chan estabilizado con cemento branco de 2.00 m de ancho, con estreitamentos puntuais de 1.80 m, por limitación de espazo. No núcleo rural de Pedraúcha (PK 0+720 a PK 0+860) a actuación consiste na rehabilitación superficial da capa de rodadura e a creación dun espazo de convivencia marcado con sinalización horizontal e vertical. Entre os PK 0+860 e 1+090, emprégase a mesma solución que no tramo inicial: ampliación da sección viaria, cun ancho mínimo da calzada de 6.50 m, e unha senda de xabre estabilizado con cemento branco pola marxe Este (entre o PK 0+860 e PK 1+000) e pola marxe Oeste (entre o PK 0+990 e o PK 1+090) adaptándose ás aliñacións do PXOM.

Para o tramo final, entre o PK 1+090 e 1+414, que é máis rural, sen apenas edificacións, mantense unha calzada de 6.50 m de ancho, e amplíase a sección de beiravía ata 1.25 m de ancho, para poder reducir a sección de firmes segundo as indicacións da normativa da Instrución de Estradas 6.1 IC.

Comparte este artigo