Mos reúne a Mesa Local de Comercio para analizar as necesidades do sector e impulsar o comercio de proximidade

Redacción

Nidia María Arévalo presidiu o encontro, no que se presentaron as actuacións municipais de promoción comercial e se abordaron as demandas trasladadas por ACESMOS, que conta actualmente con 30 socios

O Concello de Mos reuniu este luns, 16 de novembro, no Pazo de Mos, a Mesa Local de Comercio, un espazo de participación e coordinación no que están representados a Administración municipal, a Xunta de Galicia, o comercio local, a hostalaría, o tecido empresarial e as persoas consumidoras.

A reunión estivo presidida pola alcaldesa de Mos, Nidia María Arévalo, e contou coa participación da concelleira de Emprego, Julia Loureiro; de Gabriel Alén Castro, representante da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, e de representantes das distintas asociacións e entidades que forman parte da Mesa.

Durante o encontro, a concelleira de Emprego, Julia Loureiro, presentou un vídeo resumo das actuacións municipais de apoio e promoción do comercio local, no que se recollen distintas iniciativas desenvolvidas polo Concello de Mos para dar visibilidade aos establecementos do municipio e fomentar as compras de proximidade.

Entre estas actuacións destacan a promoción dos negocios locais mediante vídeos difundidos nas redes sociais municipais e a organización de MercaMos, que a fin de semana do 21 e 22 de novembro celebra a súa cuarta edición.

Tamén se presentaron as actuacións previstas para a Campaña do Comercio Local dos meses de novembro e decembro de 2026, xunto coas iniciativas de formación e información dirixidas ao tecido comercial.

Pola súa banda, a presidenta de ACESMOS, Carmen Soliño Alonso, trasladou as principais preocupacións e demandas da asociación, que conta actualmente con 30 socios.

Entre as cuestións expostas figurou a solicitude á Dirección Xeral de Comercio de novas convocatorias de axudas ás que poidan acceder directamente as asociacións de comerciantes, distintas das liñas específicas destinadas aos Centros Comerciais Abertos (CCA).

A asociación tamén abordou a problemática existente en materia de consumo e as dificultades que estas cuestións poden xerar no día a día dos establecementos comerciais.

O representante da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén Castro, participou no encontro por videoconferencia, e puido coñecer directamente as cuestións formuladas pola representación comercial e intercambiar impresións sobre as necesidades do sector.

A alcaldesa de Mos, Nidia María Arévalo, destacou a importancia de manter unha comunicación directa cos representantes do comercio local e de contar cun espazo no que poidan trasladar as súas propostas e preocupacións.

“Queremos que esta Mesa sexa un espazo útil, no que os comerciantes poidan trasladar as súas necesidades, compartir propostas e participar no diálogo sobre as actuacións que afectan ao comercio do noso municipio”, sinalou a rexedora.

Arévalo incidiu tamén na vontade municipal de continuar apoiando os establecementos de proximidade mediante iniciativas de promoción, dinamización e formación, así como de manter a colaboración coas asociacións comerciais e coas administracións competentes.

A Mesa Local de Comercio está regulada pola Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia. Entre as súas funcións figuran a planificación de campañas de promoción, a proposta de accións formativas, o impulso de programas de modernización e a formulación de medidas para o desenvolvemento e a mellora do sector comercial.

O Concello de Mos continuará traballando coas asociacións e cos distintos axentes económicos e sociais para coñecer as necesidades do comercio local e promover actuacións que favorezan a actividade comercial e económica do municipio.

Comparte este artigo