– A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Persoal, Leo Costas, reuníronse esta mañá xunto co secretario municipal e a técnico do departamento, cos representantes sindicais do Concello, para abordar ambos temas
– Arévalo, rexedora local mosense, maniféstase “orgullosa de rematar o ano 2024 tratando a mellora da RPT, xa que este documento é fundamental para a administración local e esta revisión optimizará o seu funcionamento”
Esta mañá celebrouse no salón de sesións do Concello de Mos a mesa de negociación cos sindicatos que contan con representación na administración local mosense, CSIF, CIG e CCOO, na que participaron, ademáis dos representantes de cada un deles, a alcaldesa, Nidia Arévalo, o concelleiro de Persoal, Leo Costas, o secretario municipal, Carlos Piñeiro, e a técnico de Persoal, Tatiana Iglesias.
Durante a xuntanza procedeuse á negociación da Oferta de Emprego Público, sobre a que se tratou a súa futura publicación. E abordouse tamén unha modificación puntual da RPT (Relación de Postos de Traballo) municipal.
Para continuar afondando neste segundo punto fixouse xa unha nova reunión, a celebrar o vindeiro día 17 de decembro, durante a que, segundo informaron os representantes municipais, Arévalo e Costas, “comezarase xa a traballar no documento, tendo en conta tanto as aportacións dos sindicatos como as indicacións técnicas propias do departamento municipal de Persoal”.
A alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, declarou a este respecto estar “orgullosa de rematar así este ano 2024, tratando a mellora da RPT, xa que este documento é fundamental para a administración local e esta revisión optimizará o seu funcionamento”.
Iníciase así o traballo necesario para a redacción deste novo documento actualizado e mellorado, que implicará labores de optimización que cómpre realizar, xa que o documento anterior ten xa unha vixencia de 6 anos.

