Empresas do sector Turismo unen forzas e crean a primeira Asociación de Empresas e Profesionais do Turismo do Condado, A Paradanta e Salceda de Caselas, así o explican Bernardo e Manuel, dúas das persoas promotoras que a finais do ano 2023 se xuntaron para dar o primeiro paso e constituír unha comisión xestora. Agora, redactado o borrador dos estatutos e na procura dunha xunta directiva, convidan a todas as empresas enfocadas no sector Turismo a participar na reunión do vindeiro 22 de abril que se celebrará na casa do Conde de Salvaterra de Miño ás 10 da mañá.
Vinteseis persoas acompañadas do presidente da Federación Provincial de Turismo e Hostalería FEPROTUR, do presidente do Clúster de Turismo de Galicia e do xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Terra e Auga deron o primeiro paso para unirse e dar maior peso ás empresas que traballan no sector, contar cun espazo para coñecerse, optimizar os recursos turísticos que ofrece o territorio, aproveitar as sinerxias e afrontar novos retos.
Dando continuidade á inquedanza que xa xurdira nos primeiros networkings organizados polo GDR e situando no centro de atención ao Turismo nos primeiros encontros marcaron as accións prioritarias nas que traballar: crear un destino de marca, facilitar unha oferta cohesionado, impulsar convenios e establecer alianzas con administración pública e sector privado de turismo, redactar un plan estratéxico do sector, potenciar o turismo e reforzar o xeodestino Condado Paradanta. Esta comunión de intereses vai máis aló e pretende facilitar o acceso a axudas e subvencións dos fondos europeos e administracións públicas e velar por un bo mantemento e mellora das vías de comunicación e infraestruturas, entre outras cuestións.
Abertos a novas incorporacións e suxestións, a Asociación de Profesionais de Turismo convida a todas as empresas do sector a participar na reunión do día 22 e a achegar as súas aportacións tamén por correo electrónico ao enderezo asociacionempresasturisticas@gmail.com.
Neste encontro estudaranse e aprobaranse os estatutos e votaranse as candidaturas á xunta directiva que estarán abertas ata o mesmo intre da reunión. As persoas interesadas poderán presentar a súa candidatura a través do correo electrónico da asociación.
Manuel e Bernardo, dous dos 26 promotores da asociación, explican que esta asociación non nace para substituir se non todo o contrario, para complementar e para completar buscando que o sector empresarial estea todo representado. Así empresas de hostalaría, de actividades, de servizos ao turista, tecnolóxicas, de transportes ou calquera outra que enfoque a súa principal actividade ao Turismo terán cabida nesta asociación sempre e cando estean en calquera dos dez concellos do territorio: A Cañiza, Arbo, As Neves, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño. O obxectivo é unirse para consolidar unha oferta pechada, organizada e completa centrada nas potencialidades do territorio e que chegue directamente e con forza ás empresas tour operadoras.

