O Concello abre o luns 9 de novembro (09.00 h) o prazo de inscrición nesta proposta, que contará con 20 prazas para nenos e nenas de 3 a 12 anos
O Concello do Rosal abrirá o vindeiro luns 9 de novembro o prazo de inscrición no campamento municipal de Nadal ‘Sementeira de Igualdade’, unha proposta que combina xogos, convivencia e aprendizaxe nun espazo pensado para que as nenas e nenos desfruten das vacacións mentres as súas familias contan cun recurso de conciliación.
O campamento desenvolverase nas instalacións do CPI Manuel Suárez Marquier os días 22, 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro de 2026 e o 4, 5 e 7 de xaneiro de 2027, en horario de 08.45 a 14.15 horas. A iniciativa está dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos, nacidos entre 2014 e 2023, ambos incluídos, que estean empadroados no Rosal ou que, sen estalo, teñan un pai, nai, titor ou titora que traballe ou dispoña dun negocio no municipio.
Como sinala a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “o Concello pon en marcha esta iniciativa porque as vacacións escolares non deberían supoñer unha dificultade engadida para as familias. Sabemos que conciliar os horarios laborais co coidado dos fillos e fillas non sempre é doado e, por iso, seguimos apostando por recursos municipais que respondan a necesidades reais e faciliten o día a día da veciñanza”.
O campamento contará con 20 prazas e terá un prezo de 20 euros por participante. Do total, 13 prazas estarán destinadas ao procedemento xeral, cinco reservaranse para inclusión e dúas para nenos e nenas procedentes de contextos sociais desfavorecidos. No caso de que non se cubran as prazas reservadas, estas incorporaranse ao procedemento xeral.
As familias interesadas poderán presentar as súas solicitudes desde o luns 9 de novembro ás 09.00 horas ata o venres 20 de novembro ás 14.00 horas. A inscrición poderá formalizarse presencialmente no Rexistro do Concello, en horario de 09.00 a 14.00 horas, a través da Sede Electrónica municipal, no trámite específico habilitado para o campamento, ou por calquera das demais vías legalmente previstas. No caso de realizar o envío por correo, deberá comunicarse ao enderezo electrónico campamentos@orosal.gal.
O Concello comunicará telefonicamente as prazas concedidas entre o 23 e o 25 de novembro, mentres que o prazo para formalizar o pagamento será do 26 de novembro ao 4 de decembro. A listaxe definitiva publicarase o 9 de decembro. As bases completas e a documentación necesaria para participar están dispoñibles a través das canles oficiais do Concello do Rosal.

