O Concello do Porriño dota ao Centro de Día con seis novos sillóns xeriátricos para mellorar o confort das persoas usuarias

Redacción

A adquisición súmase ás actuacións de mellora, mantemento e dotación de material coas que o Concello colabora no benestar das persoas usuarias

O Centro de Día de Torneiros conta con seis novos sillóns xeriátricos adquiridos polo Concello do Porriño para mellorar o confort das persoas usuarias e ofrecerlles unhas condicións máis cómodas nos seus momentos de descanso.

O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, achegouse ás instalacións para comprobar a recepción deste novo equipamento e coñecer de primeira man as necesidades do centro, onde puido saudar tanto ás persoas usuarias como ao equipo de profesionais que desenvolven o seu labor diario, “Porque o benestar tamén se constrúe a través dos pequenos detalles, daqueles que fan máis cómodos os momentos de descanso e que contribúen a crear contornas máis acolledoras”- explica o alcalde.

Esta nova dotación enmárcase na colaboración que o Concello mantén co Centro de Día de Torneiros, un servizo que depende do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Aínda que a titularidade da xestión corresponde a este organismo, o Concello do Porriño implicáse activamente na mellora das instalacións e na atención das necesidades que van xurdindo no seu funcionamento diario.

Así, ademais de realizar obras e labores de mantemento para garantir a conservación do edificio e unhas condicións axeitadas nas súas dependencias, a administración local colabora, na medida das súas posibilidades, coa achega de material e equipamento que contribúa a mellorar a atención e o benestar das persoas maiores.

A incorporación destes seis sillóns é un exemplo desta colaboración e da vontade municipal de seguir apoiando o centro, atendendo cuestións prácticas que repercuten directamente na comodidade das persoas usuarias.

Con esta actuación, o Concello continúa traballando para que o Centro de Día de Torneiros dispoña de espazos coidados e recursos adecuados, sumando esforzos para favorecer unha atención de calidade e unhas condicións de benestar para as persoas maiores que fan uso deste servizo.

Comparte este artigo