O eurodeputado galego subliñou a importancia dos fondos comunitarios para impulsar inversións estratéxicas que “axudan a mellorar o benestar da cidadanía”
O alcalde de Vilagarcía reivindica a modernización das instalacións deportivas, como sucedeu coa reforma do Pavillón Sara Gómez e agora na ampliación da piscina municipal Celestino Brianes
O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e o eurodeputado socialista, Nicolás González Casares, visitaron o Complexo Deportivo de Fontecarmoa no que o goberno local está a executar a modernización e ampliación das instalacións deportivas.
En concreto, o goberno local está está a investir 5 millóns de euros na modernización do pavillón Sara Gómez, xa finalizada, e na ampliación da piscina municipal Celestino Brianes, executándose na actualidade, que se financian nun 46% cos fondos europeos conseguidos.
Para o eurodeputado Nicolás González a xestión do alcalde Alberto Varela evidencia o “bo facer do goberno local”, nun traballo que “permite ter unhas fantásticas instalacións, que axudan a mellorar a calidade de vida da cidadanía”. Vilagarcía conseguiu fondos en catro de catro convocatorias (EDUSI, Next Generation Turismo e Promoción Económica e EDIL).
Pola súa banda, o alcalde Alberto Varela destacou a “importancia dos fondos europeos para transformar, modernizar e ampliar as instalacións deportivas”, nas que se demostra o “compromiso do goberno local. Vilagarcía é unha das cidades que conta coas mellores instalacións o que permite ser unha referencia e albergar competicións que tamén xeran un importante retorno á cidade”.

