A alcaldesa de Mos, senadora por Pontevedra, e portavoz adxunta no Senado, defendeu onte no Pleno da Cámara Alta unha moción consecuencia da interpelación ao Ministro, Óscar Puente, na que reclamou a gratuidade da AP-9 como alternativa á A-52 e solución á A-55
A alcaldesa de Mos, senadora por Pontevedra, e portavoz adxunta no Senado, Nidia Arévalo, defendeu onte no Pleno da Cámara Alta unha moción consecuencia da interpelación ao Ministro, Óscar Puente do pasado 11 de febreiro, na que esixiu de novo a gratuidade da AP-9 como alternativa á nova A-52 e solución á A-55, coa que a rexedora local mosense continúa coa defensa a ultranza tanto do municipio de Mos como do territorio en xeral.
Nidia Arévalo explicou na sesión plenaria do senado que “a AP-9 é unha das autoestradas máis antigas de España, xa que o primeiro tramo foi inaugurado en 1979; ten un percorrido de máis de 200 quilómetros e une a todas as cidades galegas do Eixo Atlántico entre si e con Portugal”.
Puxo de novo a voz de alarma sobre o trazado proposto para a nova Autovía A52; que agrede brutalmente tanto ao territorio como á poboación da área Metropolitana de Vigo.
Arévalo reclamou no Senado que se abra un período de diálogo institucional e técnico cos municipios afectados, que se libere a peaxe do tramo Puxeiros-O Porriño da Autoestrada AP-9, que discorre alternativamente á Autovía A55, e que se propoñan de modo urxente alternativas ao trazado, debido ao grave impacto que ocasiona na parroquia viguesa de Bembrive e no Concello de Mos.
Así mesmo instou ao Ministerio de Transportes a que unifique os criterios que utiliza ao seleccionar as autoestradas que reverte e as peaxes que libera. “Así podería contribuír eficazmente á igualdade na vertebración dos territorios de España”, sentenciou Arévalo, quen tamén lles afeou aos representantes do Goberno Central que “vostedes outorgan a gratuidade das peaxes noutros lugares de España, como a AP-7, pero a Galicia nada”.
Durante o debate da moción consecuencia de interpelación do GPP no Pleno da Cámara Alta, a senadora por Pontevedra, Nidia Arévalo, diríxiuse aos grupos parlamentarios da Cámara para pedir o seu apoio á iniciativa, tanto ‘por sentido común como por interese xeral’, dixo aludindo ás palabras do ministro de Transportes, Óscar Puente.
Ademais, Nidia Arévalo resaltou que “ten unha intensidade media diaria de máis de 25.000 vehículos en todo o seu percorrido e máis de 40.000 no tramo Vigo-Pontevedra”, tras o que denunciou que “é unha das autoestradas coa peaxe máis cara de España, 23,85 euros en só un traxecto”.
En canto ao interese xeral que supón a AP-9, Nidia Arévalo puxo de relevo catro motivos: “Os 3 millóns de habitantes de Galicia que claman pola súa reversión; os transportistas que solicitan por unanimidade a transferencia da titularidade á Comunidade Autónoma; así como a solicitude realizada polo Parlamento de Galicia por unanimidade; e polas negociacións da Xunta para xestionar a devandita transferencia”.