“No era un sombrero” gaña o concurso de ideas para a nova biblioteca municipal

adminON
Lectura mínima de 4
  • O Concello abrirá o sobre co nome da/do responsable do proxecto nun acto público aberto á cidadanía

O Concello de Ponteareas e o xurado do concurso de ideas para a nova biblioteca pública municipal tras reunirse para valorar os cinco proxectos finalistas informa que a proposta “No era un sombrero” é a gañadora deste procedemento realizado en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). O Concello procederá á apertura do sobre que desvele o estudio ou arquitecta/o responsable do proxecto nun acto público que se celebrará na residencia de artistas da praza Maior o xoves día 19 ás 17:30 horas. Un acto aberto ao público para que toda a cidadanía poida coñecer a súa futura biblioteca.

O xurado presidido pola alcaldesa Nava Castro e composto pola secretaria municipal, pola concelleira de Urbanismo, pola arquitecta municipal, por María Gracia Amandi e Alfredo Sirvent Silveira, arquitectos propostos polo COAG e por Inmaculada Serrrano Plaza, técnico de Bibliotecas da Xunta que ocupa actualmente o cargo de directora da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, destacaron de entre as cinco finalistas unha proposta arquitectónica que combina un deseño atractivo, sustentabilidade e funcionalidade. O xurado valorou especialmente os accesos cubertos, que achegan unha imaxe xenerosa e lixeira, así como os espazos luminosos e agradables. O proxecto integra placas fotovoltaicas e solucións acústicas de baixa pegada ecolóxica. Unha vez analizadas as áreas de mellora o xurado acorda que a proposta logra un equilibrio sobresaliente entre deseño, sustentabilidade e eficiencia, destacandoa como merecedora do premio.

“Despois dun estudo pormenorizado e detallado por parte dun xurado profesional ao que agradezo a implicación amosada decidiuse tanto a proposta gañadora como o resto dos premios. Quero agradecer non só a axuda do Colexio Oficial de Arquitectos, tamén a todos os profesionais que participaron e enriqueceron este proceso transparente e ilusionante que buscou en todo momento a mellora do servizo e un espazo multidisciplinar moderno, acolledor e inclusivo”, sinalou a alcaldesa.

O proceso de concurso de ideas deseñado co COAG resultou un éxito recibíndose máis de cen propostas de arquitectas e arquitectos de toda España, “buscar alianzas cos profesionais simboliza o noso compromiso de atopar os mellores proxectos e ideas para o desfrute das veciñas e veciños de Ponteareas, son os que saben e aos que debemos escoitar para unha mellora real dos servizos públicos”.

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fdez. Táboas, adianta que ata a apertura do sobre non se coñecerá o nome da arquitecta/ ou do estudio gañador e farase nun acto público aberto á cidadanía e aos medios de comunicación ao ser unha nova infraestrutura pública de todas e de todos “que queremos que a cidadanía sinta súa e conoza non só o modelo de biblioteca que desfrutarán, tamén os procesos que se seguiron”.

Comparte este artigo