A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, valora o anuncio, publicado no BOE de onte, moi positivamente, “pois é unha demanda histórica, e un compromiso pendente do Ministerio, polo que levamos anos loitando conxuntamente Concello e veciñanza”
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo mosense, José Ramilo, informaron hoxe de que vén de ser publicado no Boletín Oficial do Estado, BOE, con data de onte 9 de outubro de 2024, o anuncio da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia polo que se publica a Resolución do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible pola que se aproba o expediente de Información Pública e definitivamente o Proxecto de Trazado: “Remodelación de intersección no Punto Quilométrico 148+650 da estrada N-550. Termo Municipal de Mos”.
Con este novo paso cara a obra de mellora do denominado cruce do Tablado en Louredo, e co proxecto de trazado aprobado definitivamente, ordénase a redación do proxecto construtivo para a optimización da devandita intersección. Avance que os representantes municipais Arévalo e Ramilo valoran moi positivamente.
Tal e como versa o BOE de onte, coa a publicación no Boletín Oficial apróbase “o Expediente de información pública e definitivamente o Proxecto de Trazado: “Remodelación de intersección no P.K. 148+650 da estrada N-550. T.M. de Mos. Provincia de Pontevedra”, cun orzamento estimado Base de Licitación (IVE incluído) de 582.432,27 €. Ordénase que se redacte un proxecto de construción que dea cumprimento ás prescricións que son o resultado da admisión de alegacións presentadas no procedemento de información pública. Ordénase que a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia dea traslado da presente Resolución segundo o disposto nos artigos 4 e 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas”. E por último ordénase “que a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia leve a cabo os trámites necesarios para que a presente Resolución sexa publicada no Boletín Oficial do Estado”.
Este novo paso adiante neste proxecto de vital importancia tanto para a veciñanza da parroquia de Louredo como para Mos en xeral, chega tras da aprobación definitiva por parte de Fomento do proxecto de trazado para a intersección da N-550 en O Tablado.
Neste proxecto inicial de trazado existe consenso unánime favorable ao mesmo tanto por parte da administración local como da veciñanza de Louredo.
Rexedora local e edil de Urbanismo explicaron que “o obxectivo das obras de intersección no cruce de O Tablado na Estrada Nacional 550 ao seu paso pola parroquia de Louredo, polo que levamos anos loitando conxuntamente Concello e veciñanza para que se faga realidade pola perigosidade deste cruce, é trasladar a intersección actual uns 270 m cara ao sur, para mellorar as condicións de visibilidade e seguridade viaria”.
“O obxecto do proxecto é a mellora da seguridade viaria da intersección non canalizada existente no p.k. (punto quilométrico) 148+650 da N-550, ao seu paso por Louredo, que conecta con núcleos existentes na marxe esquerda a través dun vial municipal. A actuación proxectada executará unha variante do vial secundario e disporá unha nova intersección con cuñas de incorporación e saída, carrís centrais de almacenamento e espera e posibilidade de cambio de sentido. A solución para o cruce de O Tablado era unha das demandas históricas comprometidos por Fomento en Mos e que levaban anos pendentes”, concluíron Nidia Arévalo e José Ramilo.

