HomeTabeirósA EstradaO alcalde ten que rectificar, a Farola ten que manter a súa...

O alcalde ten que rectificar, a Farola ten que manter a súa actual localización

- Anuncio -spot_img

Xoán Reices: “non só relega a unha esquina a mítica farola, senón que a reubica entre a Rúa 56 e a Rúa San Paio, ao lado da escultura dos cabalos de Valadares. Iso non é ocupar un lugar destacado na praza”

Na tarde de onte, o alcalde da Estrada presentou nas redes sociais algunhas imaxes da remodelación da Praza da Farola. “Tal e como sospeitamos o proxecto de Galaicontrol, escollido polo grupo do PP”, afirma Xoán Reices, portavoz municipal do PP, “non só relega a unha esquina a mítica farola, senón que reubica entre a Rúa 56 e a Rúa San Paio, ao lado da escultura dos cabalos de Valadares”.

“O alcalde mentiulle aos veciños e veciñas”, afirma Reices, “hai poucos días Louzao dixo que ‘a farola será protagonista noutro punto da praza no que será o elemento central’, o cal, vendo as imaxes que colgou nas redes é falso, a Farola terá unha nova localización e non será o elemento protagonista, que os veciños e veciñas empregaron para referirse á praza central da Vila durante décadas”.

“O PP está empeñado facer da Estrada unha vila sen alma, liquidando o escaso patrimonio que nos queda, ou como no caso da Torre de Guimarei, deixándoa enterrada nunha silveira”, afirma Reices. “O que fai agora coa Praza da Farola é a mesma política ‘Terminator” do noso patrimonio que fixeron sempre”, afirma.

Desde o BNG instan ao alcalde a rectificar, “a Farola ten que ocupar o lugar céntrico que ocupa na praza, así como o resto que circunda a praza, hai cousas máis importantes nas que gastar un millón e medio de euros; de feito, esta semana o noso concello recibiu unha nova multa de 3,200 euros de Augas de Galiza polos vertidos dos sumidoiros”. “Aquí si temos un problema grave, que o PP está empeñado en obviar”, afirma Reices, “sen esquecer que o rural están sen saneamento, e a vista está que non entra dentro das súas prioridades; ao PP non lle importa o medio ambiente”.

Publicacións Relacionadas